Abre as súas portas o tradicional Mercado de Nadal de ASPANAS en Ourense

Os 120 usuarios da asociación son os encargados de elaborar os produtos que están á venda

G24.gal 27/11/2023 21:32 Última actualización 27/11/2023 22:30

ASPANAS é unha entidade que traballa con persoas con discapacidade intelectual. Implícanse arreo durante todo o ano, entre outras moitas actividades, para ter a punto nestas datas o seu tradicional mercado de Nadal. Este luns abriu as súas portas en Ourense, nun dos baixos da catedral.

A asociación ASPANAS Conta con 120 usuarios, que son os encargados dende hai meses de elaborar nos seus talleres os produtos que despois saen á venda.

"Esta semana témolos aí traballando a tope. Cada día vai baixar un taller, entón a xente pode ver cada día un traballo diferente", conta Lucía Vila, psicopedagoga de ASPANAS.

O mercado de Nadal saca á rúa tan só unha pequena parte do traballo que fan acotío. 

"O fundamento de todo isto é a visibilidade, é o máis importante, e ter traballo durante todo o ano para que eles poidan seguir facendo cousas, iso sobre todo", explica Caridad Carril, da asociación ASPANAS.

Seguen ao pé da letra as instrucións das monitoras e aos poucos o traballo vai saíndo adiante. 

"Agora estou facendo anxiños, pulseiras e pendentes de macramé para a xente que veña comprar. Que se animen, que estes días é bonito isto".

"É bonito o que facemos, e facemos un bo traballo".

Os talleres van dende o lavado de coches ata a cociña, pasando pola lavandería ou a reciclaxe, por exemplo. Elaboran roupa, agasallos para eventos e mesmo piñatas. E poden presumir de ter unha clientela moi fiel, tamén no Nadal.

"É un sitio a que sempre veño polo Nadal, hoxe por exemplo para mercar algún detalliño, algunha cousa, sempre recorro a eles, a verdade, son clienta fixa", apunta unha das clientas.

Antes de marchar fannos un recordatorio:

"Vinde aquí a comprar, que facemos cousas moi bonitas. Agardo que veñades, porque só estamos ata o día 1. O día un remata, e ata o ano que vén, nada".

O seu é un traballo solidario e artesán cheo de propostas diferentes e cada vez máis valorado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar