Pechan os colexios electorais na Arxentina e comeza o escrutinio
Pechan os colexios electorais na Arxentina e comeza o escrutinio
Os resultados oficiais dos comicios coñeceranse o vindeiro martes
A participación na segunda volta das presidenciais situouse no 76 %, a menor da democracia
Os candidatos Sergio Massa e Javier Milei votaron ao mediodía
Os colexios electorais pecharon ás dez da noite, hora galega. A continuación, comezou o escrutinio provisorio e o martes, o definitivo, que resolverá os posibles erros e emitirá os resultados oficiais.
A participación provisional nesta segunda volta das eleccións presidenciais arxentinas situouse no 76 %. De se confirmaren, sería a máis baixa dende o retorno á democracia tras a última ditadura militar (1976-1983), xa que rebaixaría a de 2007, cando se rexistrou un 76,20 %.
Votación dos candidatos
Os dous candidatos a presidir o país nos vindeiros catro anos votaron pasadas as doce do mediodía. O candidato peronista, Sergio Massa, mostrábase optimista sobre o futuro do país, tras depositar o seu voto.
O actual ministro de Economía subliñaba que empeza unha etapa nova que vai requirir diálogo e invitaba os electores á reflexión.
"Cara a que modelo de país imos en termos de valores, en termos de convivencia democrática", puntualizaba Massa.
O seu contrincante, o ultradereitista Javier Milei, declarábase tranquilo, e satisfeito coa súa campaña. O economista desexaba que o pobo dese nas urnas unha vitoria evidente ao gañador.
"Esperemos que os números sexan tan claros coma para que hoxe á noite teñamos un novo presidente electo", dicía.
Igualados nas enquisas
As enquisas previas situaron os dous á par en posibilidades e os analistas avanzaron que gañase quen gañase, ía ser por unha diferenza mínima. Parte da poboación acudiu ás urnas con ganas de cambio e parte, en defensa dos dereitos.
"Que o meu país, que é fermoso e marabilloso, cambie", dicía unha muller.
"Estou en contra da perda de calquera dereito adquirido", subliñaba outra.
Moitos mostrábanse pouco convencidos cos candidatos.
"Non estou como moi conforme con ningún dos dous", admitía unha votante.
"Creo que xa non votamos por quen nos gusta, senón por quen nos desgusta menos", engadía outra.
Case 36 millóns de persoas estaban convocadas nestes comicios. O sufraxio é obrigatorio para toda a cidadanía de 18 e 70 anos, e optativa para a poboación que supere esa idade, adolescentes de 16 e 17 anos e residentes no exterior.