Atopan en Mazaricos bolsas con restos humanos que pertencerían a outro desaparecido

Á falta de confirmación coas probas de ADN, os restos localizados na zona non se corresponderían a Antonio Tuñas, o veciño cuxo cranio foi atopado hai unha semana

G24.gal 30/11/2023 11:35 Última actualización 30/11/2023 16:20

A Garda Civil atopou este mércores en Mazaricos, nun lugar próximo onde apareceu o cranio de Antonio Tuñas, o veciño desaparecido en decembro de 2022, máis restos óseos e pezas de roupa en bolsas que non pertencerían a esta mesma persoa.

Segundo fontes coñecedoras da investigación consultadas por Europa Press, habería que esperar uns días a que as probas de ADN confirmen que se trata doutro desaparecido.

"Atopáronse cinco bolsas. En catro había restos humanos dunha persoa que foi seccionada", asegurou Pedro Blanco, delegado do Goberno.

Polo momento, a falta de ratificación, trabállase coa hipótese de que non son de Antonio Tuñas, veciño de Mazaricos de 72 anos, cuxo cranio apareceu nun terreo de Gosolfre, en Chacín.

Durante os labores para tentar esclarecer que lle ocorreu a Tuñas, o dispositivo de procura activado na mesma zona, no que participaron Protección Civil e a Garda Civil con cans do servizo cinolóxico, atopou na tarde do mércores máis ósos humanos en varias bolsas e pezas de roupa.

Precisamente a hipótese de que non se trata de Antonio Tuñas vese reforzada pola roupa atopada nunha das bolsas. "Os familiares da persoa de Mazaricos non a identifican coma súa, polo tanto poderíase corresponder coa da outra persoa desaparecida", di o delegado do Goberno.

Os restos foron postos en mans da Unidade de Policía Xudicial da Coruña, que traballa para determinar se hai algunha vinculación entre ambos os crimes, que se están tratando como supostos homicidios.

A Garda Civil investiga se ambos os sucesos pódense atribuír a Pandolo, un veciño de Mazaricos con antecedentes e que gozaba dun permiso penal cando Antonio Tuñas desapareceu.

Así, tamén o vincularían co caso de Javier Iglesias Otero, un home de 50 anos que residía en Culleredo e que desapareceu en maio deste ano. No seu domicilio, na zona de Orro, acháronse restos de sangue.

Sobre o caso de Mazaricos e a súa atribución a Pandolo preguntáronlle a semana pasada o delegado do Goberno, Pedro Blanco, quen ratificaba que a investigación seguía aberta e non se descartaba "ningunha hipótese", tampouco a vinculación con outros sucesos similares.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade