BNG, ERC e EH Bildu non asisten á apertura da lexislatura ao non verse representados polo rei

"A monarquía española é a máxima expresión da negación de dereitos das nosas nacións", asegura o deputado do BNG, Néstor Rego

Néstor Rego canda os deputados de ERC e EH Bildu (Imaxe: @NestorRego)
G24.gal 29/11/2023 13:14 Última actualización 29/11/2023 15:15

BNG, ERC e EH Bildu asinaron unha declaración conxunta en que xustifican a súa ausencia este mércores na solemne apertura da XV lexislatura en que a monarquía é unha institución "incompatible" cos principios democráticos e, polo tanto, non os representa.

Os tres partidos independentistas, soberanistas e republicanos explican na declaración as razóns polas que non participaron no acto que presidiu Filipe VI, xunto coa raíña Letizia e a princesa Leonor, no Congreso.

Co título 'Non temos rei. Democracia, liberdade, repúblicas', BNG, ERC e EH Bildu declaran que "a monarquía é unha institución anacrónica, incompatible con principios democráticos esenciais en tanto que hereditaria e vitalicia".

Engaden que ese "carácter antidemocrático" se ve acentuado no caso de España polo feito de ser imposta polo ditador Francisco Franco e ser, nesa medida, unha "herdanza do franquismo".

"A monarquía española é un estamento que non responde aos valores republicanos de liberdade, igualdade e democracia que tanto os cidadáns e cidadás dos nosos pobos como as maiorías sociais do Estado anhelan", inciden.

Na súa opinión, unha verdadeira democracia só será posible desde a "ruptura" coa herdanza, as bases e os valores que representa o rei e a súa figura.

Por iso, consideran que o rei e a monarquía deben deixar de exercer a súa tutela sobre os cidadáns e sobre os gobernos e parlamentos que son elixidos democraticamente.

"Só así se poderá avanzar en liberdade e en democracia", afirman estas tres formacións que subliñan ademais que a institución monárquica vincúlase ao obxectivo de "manter e impoñer a unidade de España e as súas leis" e negar os dereitos civís, políticos e nacionais das sociedades galega, catalá e vasca.

Consideran deste xeito que o rei non é un interlocutor válido para as súas aspiracións, non ten lexitimidade nos seus territorios e non lle recoñecen ningunha función política.

"Menos aínda cando o seu papel para coas nosas nacións non foi outro que o de tentar impoñer proxectos e valores antidemocráticos", recalcan, tras o que se reafirman na súa vontade de "continuar traballando para facer efectivo, máis temperán que tarde, o ideal de democracia, liberdade e repúblicas".

Amais do manifesto, o deputado do BNG no Congreso, destacou na rede X (antes Twitter), que a "monarquía é a máxima negación dos dereitos das nosas nacións".

O chío de Rego ía acompañado das instantáneas en que se ve acompañado de deputados das outras dúas formacións nacionalistas que asinan o pacto na contorna do Congreso pouco antes de iniciarse o acto de inauguración de XV lexislatura.

O PNV si acudiu ao inicio oficial dunha lexislatura en que fiscalizarán o cumprimento dos acordos que sustentan o Goberno de Pedro Sánchez. "En marzo temos que ter as transferencias. Vai ser a proba do algodón", di Andoni Ortúzar, Presidente do PNV.

Desde as filas socialistas responden que a lexislatura non fai máis que arrincar e piden paciencia. "Temos unha maioría e imos cumprir os pactos que subscribimos", asegura Patxi López, portavoz do PSOE.

Desde unha posición republicana, os representantes de Podemos non faltaron á sesión solemne. Respectan a decisión dos independentistas pero asisten por responsabilidade. "Como fixemos sempre por respecto ás cámaras", di Ione Belarra, secretaria xeral de Podemos.

Con normalidade, din desde Sumar, acudiron tamén ao acto institucional os deputados da formación plurinacional. "Cada forza política ten lexitimidade para asistir ou non", defende, Marta Lois., Portavoz de Sumar no Congreso.

O Partido Popular fala de boicot ao xefe do Estado. Din que  é unha anomalía democrática. "Non coñezo ningún país europeo onde o Presidente do Goberno teña como apoios a aqueles que non respectan as institucións"m di Alberto Núñez Feijóo, Presidente do PP. E din que actitudes coma esta deslexitiman as institucións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade