Falece o condutor dun vehículo tras colidir contra un camión en Vilardevós

G24.gal 24/11/2023 08:15 Última actualización 24/11/2023 14:03

O condutor dun turismo faleceu este xoves tras unha colisión contra un camión no termo municipal de Vilardevós, en Ourense, segundo informa Emerxencias.

O 112 indica que o sinistro mortal se rexistrou na OU 310 e que o camioneiro necesitou atención médica.

Ata o lugar desprazáronse Urxencias Sanitarias, Bombeiros de Verín, Garda Civil de Tráfico e Protección Civil.

"Eu viña de Verín e, cando cheguei a esta altura, había dous vehículos colisionados: un coche e un camión". Daniel é voluntario de Protección Civil en Vilardevós, pero non estaba de servizo. Circulaba uns quilómetros máis atrás que o camión sinistrado e, cando chegou ao quilómetro 11 da OU310, xa se atopou co tráfico parado.

"O coche invadiu o carril contrario da circulación e embestiu o camión. O do camión dixo que posiblemente lle dera un mareo ou algo, porque non fixo amago de frear. O camión quedou no sitio e o coche apareceu a 100 ou 200 metros máis alá", explica Daniel.

O condutor do turismo faleceu no acto. Tiña 53 anos. Era de Cualedro, pero estaba casado en Vilardevós. O condutor do camión, que tamén é da zona, queixábase dunha perna e foi trasladado ao hospital de Verín.

Ocorreu contra as oito e media do serán, xa de noite, nunha curva limitada a noventa quilómetros.

"Accidentes tan graves non ten habido nunca. Acaba de arranxar a estrada e está limitada a 90, pero hai quen pasa a 100 ou 120", asegura Daniel.

O maior perigo da vía, di, son os animais salvaxes que atravesan frecuentemente a estrada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade