Liberado un condutor atrapado no seu coche tras envorcar en Oia
Liberado un condutor atrapado no seu coche tras envorcar en Oia
Sufriu unha saída de vía á altura da parroquia de Mougás
Efectivos do Grupo de Emerxencias da Guarda tiveron que excarcerar un condutor que quedara atrapado no seu coche tras sufrir un accidente á altura da parroquia de Mougás, no concello pontevedrés de Oia.
Sobre as seis desta mañá o turismo sufría unha saída de vía no tramo que xunta a vila guardesa con Baiona. Por causas que se descoñecen, o vehículo desprazouse cara á marxe esquerda da estrada, bateu contra unhas pedras e acabou envorcando.
O condutor, un veciño de Baiona de 29 anos, quedou atrapado por un pé contra o panel de mandos do vehículo.
Os efectivos dispoñibles do GES da Guarda foron os que se encargaron de liberar o home, que permanecía consciente, e foi evacuado en ambulancia a un centro hospitalario.
Durante a noite o 112 tamén informou doutros sinistros de tráfico en Ferrol, Ribadumia, A Estrada e Narón, todos eles sen feridos graves.