Pedro Sánchez anuncia este luns a composición do novo Goberno
Pedro Sánchez anuncia este luns a composición do novo Goberno
O presidente estivo toda a fin de semana perfilando o seu equipo
Desde A Moncloa adiantaron que se reducirá o número de ministerios
Non hai confirmación sobre os nomes pero desde o PSOE apuntan que Pedro Sánchez estivo toda a fin de semana conversando con varias persoas para dicirlles se contaba ou non con elas para o seu novo Goberno.
Polo que parece, a todas lles pediu discreción para evitar filtracións antes deste luns, cando está previsto que se anuncien os nomes oficialmente. Segundo as mesmas fontes, algúns deses interlocutores non recibiron a chamada do presidente ata o último momento.
Á espera de despexárense as incógnitas, os nomes cos que se especula case non variaron desde o momento da investidura do presidente do Goberno.
Parece seguro que seguirán Teresa Ribera, María Jesús Montero e Félix Bolaños. Tamén Nadia Calviño, á espera de coñecer se será ou non a nova presidenta do Banco Europeo de Investimentos. E tampouco se descarta a continuidade de Pilar Alegría.
"No partido socialista somos moi conscientes de que nos enfrontamos a unha lexislatura complicada, todas o son", asegura a voceira do PSOE.
Menos ministerios
Desde A Moncloa xa adiantaron que haberá menos ministerios que a lexislatura anterior. Cinco poderían ocupalos persoas vinculadas á líder de Sumar, Yolanda Díaz, e quizais, ningunha de Podemos, que en principio non acepta outra proposta que non sexa a de manter a Irene Montero á fronte de Igualdade.
Os nomes que se barallan por parte do socio da coalición son os de Mónica García, que podería encabezar Sanidade, Ernest Urtansun, á fronte de Cultura, ademais de Pablo Bustinduy e Sira Rego.