O acordo entre os comuneiros e Irosa-Samaca permite manter a actividade da louseira

Asinan un contrato de arrendamento por 11 anos, prorrogables

Os traballadores cualifican a fin do litixio xudicial como un agasallo de Nadal

G24.gal 29/11/2023 14:58 Última actualización 29/11/2023 18:49

O día comezou con moita incerteza nos exteriores da louseira Irosa-Samaca. Os traballadores vían preocupados como a comitiva xudicial, cun amplo dispositivo policial, acudía executar o desafiuzamento. Só unhas horas antes unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulara a resolución da Xunta que expropiaba os terreos da comunidade de montes a favor da empresa.  

Pero a continuación as dúas partes acudían ao notario para asinar un contrato de arredamento que permite manter a actividade da industria en Carballeda de Valdeorras durante 11 anos, prorrogables.

"Ademais estableceuse unha nova renda desas parcelas e tamén se acordou unha indemnización para satisfacer as empresas afectadas pola ocupación durante estes nove anos desde que remataran os contratos de arrendamento o 31 de decembro de 2014", explicaba o avogado dos comuneiros, José Antonio Iglesias.

O propietario da empresa di que se viu forzado a asinar todo o que lle impuxeron.

"Hai  dúas cousas que nos moveron a tragar todo o que se nos esixiu. Unha que os traballadores non tiveran que soportar a intervención das forzas de seguridade e a outra conservar a empresa e os postos de traballo, que é o máis importante", aseguraba Rogelio López, propietario da louseira.

Coa devolucion simbólica das chaves á empresa, escenificada diante da prensa, os traballadores podían volver aos seus postos.

"Os problemas internos que teñan eles serán deles, pero nós xa conseguimos o que queriamos, traballar outra vez e manter os postos de traballo, iso é o principal. É como se fose un agasallo de Nadal para nós", aseguraba eufórico Ramón Porto, presidente do comité de empresa. 

Irosa-Samaca ten un cadro de persoal de 250 traballadores e xera emprego indirecto a outro milleiro de persoas na comarca de Valdeorras.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade