O Porriño acollerá os migrantes das Canarias que ían ir a Sobrado dos Monxes
O Porriño acollerá os migrantes das Canarias que ían ir a Sobrado dos Monxes
A previsión é que cheguen o 1 de novembro e que sexan aloxados nun albergue
O Concello do Porriño acollerá nun albergue do municipio os migrantes procedentes das Canarias que estaba previsto que chegasen a Sobrado dos Monxes. Chegarán á localidade pontevedresa o día 1 de novembro e serán aloxados nun albergue.
Este luns estaba previsto que o Goberno situase no municipio coruñés de Sobrado dos Monxes corenta dos máis de catrocentos migrantes que ten intención de trasladar a Galicia, pero finalmente descartouse esta opción, entre críticas do alcalde socialista da localidade Lisardo Santos, que sinalou que o Concello non tivo "ningunha comunicación oficial, nin por parte da Delegación nin do Ministerio, dicindo nin unha cousa nin a outra".
Con todo, si que recoñeceu que o lugar previsto para a acollida ía ser a Casa das Audiencias, que forma parte do complexo do Mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes. Precisamente, fontes do Mosteiro confirmaron que as instalacións xa estaban preparadas para recibir os migrantes, pero a última hora deste domingo trasladóuselles que non chegarían porque "a xente do lugar non quería".
A Xunta, lamenta a falta de información
Fontes da Xunta mostraron o seu malestar pola xestión do Executivo central e aseguran que descoñecen este cambio. Así mesmo, insisten en que a última comunicación por parte do Goberno é que os migrantes chegarían este luns a Sobrado dos Monxes. Nun primeiro momento, a formulación do Goberno central sinalaba que chegarían a Galicia uns 400 migrantes. En concreto, 40 serían desprazados a Sobrado este luns, 350 a Sanxenxo e ao redor dunha vintena á Coruña e Vigo.
Neste contexto, o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións José Luis Escrivá convocou para este martes a unha reunión informativa por videoconferencia alcaldes dos principais municipios españois, a presidenta da FEMP María José Pelayo e os conselleiros das comunidades autónomas para trataren a crise migratoria que afecta principalmente ás Canarias, segundo informaron fontes do Ministerio.