Vieites aposta por abordar no diálogo social a reforma do subsidio de desemprego

O presidente da CEG considera "fóra da realidade" as propostas do Ministerio de Traballo sobre o subsidio

Dise optimista respecto a pechar un acordo tripartito sobre a suba do SMI

Avisa que Galicia non pode quedar fóra das redes internacionais de hidróxeno verde

G24.gal 03/12/2023 11:12 Última actualización 03/12/2023 13:19

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia -CEG-, Juan Vieites, aposta porque a reforma do subsidio de desemprego se faga no seo do diálogo social e non sexa unha decisión unilateral do Goberno. 

Vieites así o aseguraba nunha entrevista no Galicia por diante da fin de semana, da Radio Galega, na véspera da xuntanza que o Goberno terá cos axentes sociais para abordar esta reforma segundo anunciaba este sábado a ministra de Traballo.

Na entrevista, o presidente da patronal galega consideraba "fóra da realidade" os posicionamentos do Ministerio de Traballo neste asunto ao tempo que aseguraba que "temos que chegar a acordo" e hai que facer primeiro cun axuste do Indicador de Rendas Múltiples, o IPREM. 

"As cifras de Traballo, dende o noso punto de vista, pasan por cobros moito máis elevados e creo que tamén nisto temos que chegar a acordos e axustar o Indicador de Rendas Múltiples do 2023"

Respecto á negociación sobre a suba do salario mínimo interprofesional, Juan Vieites declarouse optimista respecto a chegar a un acordo entre todas as partes e apelou ao "sentidiño" galego para poder acadalo.

"O incremento do 4 por cento, dende o noso punto de vista da Confederación de Empresarios de Galicia da cifra que máis consenso podía xerar", pero indica que "patronal e sindicatos" tamén din que "ese salario mínimo sexa o mesmo do incremento das contratas públicas e non se faga para uns unha cousa e para outros outra", explicou. 

Hidróxeno verde

O presidente da patronal galega tamén se referiu á exclusión de fondos europeos do hidroduto Guitiriz-Zamora, Vieites di agardar que haxa marxe para reverter esa situación. Na súa opinión, "Galicia non pode quedar fóra das redes internacionais avanzadas (...) do hidróxeno verde".

O presidente da CEG  lamentou que "sempre que Galicia quere avanzar dende o punto de vista da competitividade, neste caso das enerxías renovables (...), sempre nos poñen paus nas rodas". 

Nesa liña, dixo agardar que ante as eleccións autonómicas en Galicia, "todas estas cousas que se falan agora se poidan corrixir de maneira inmediata e evitar que o sector empresarial galego quede fóra dunha cousa que noutros territorios de España van ter". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade