O sector turístico galego agarda unha boa ocupación na ponte de decembro

O presidente do Clúster do Turismo de Galicia destaca o Nadal de Vigo como reclamo principal

Cesáreo Pardal asegura que seis de cada dez turistas que veñen a Galicia fano fóra da época estival

G24.gal 02/12/2023 10:48 Última actualización 02/12/2023 13:36

O presidente do Cluster do Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, amósase optimista respecto á ocupación na ponte da Constitución da vindeira semana. Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, Pardal asegura que "o sector empresarial turístico galego espera unha boa ocupación". 

En concreto, Vigo e as súas luces de Nadal levan a palma con entre un 80 e un 85 % de ocupación e cidades coma Santiago e A Coruña moveranse entre o 70-75 %. Con todo, Pardal tamén inclúe a oferta de balnearios de Ourense, a Mariña lucense e a Costa da Morte como outros enclaves de interese para os visitantes.

Respecto ás luces de Nadal, o presidente do Clúster do Turismo de Galicia destaca que ademais dos desprazamentos entre cidades dos galegos e galegas, hai moitos visitantes portugueses. 

O presidente do Clúster do Turismo de Galicia tamén salientou que se vai avanzando cada vez máis na desestacionalización do turismo na nosa terra.

"Pouco a pouco estase conseguindo. Nestes momentos seis de cada dez turistas que veñen a Galicia veñen fóra da temporada estival", afirmou.

Ben é certo que, engadiu, mentres que "hai dez anos os establecementos pechaban a 30 de agosto", nestes momentos "estamos prolongando esta estadía case dous meses e medio" e, ademais, "iníciase tamén a temporada turística dous meses antes da temporada estival". Por este motivo, considera importante seguir poñendo en marcha medidas que promovan o turismo fóra das épocas habituais. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar