O Supremo abre causa penal a Baltar por circular a 215 km por hora

O tribunal de Zamora que o debía xulgar inhibiuse na causa cando o expresidente da Deputación de Ourense foi nomeado senador, ao converterse en aforado

G24.gal 21/11/2023 16:17

O Tribunal Supremo abriu causa penal contra o expresidente da Deputación de Ourense e senador do PP, Xosé Manuel Baltar Blanco, ao apreciar indicios dun delito contra seguridade viaria, por circular a 215 km/h nun tramo limitado a 120 quilómetros por hora.

Desta forma, será o Supremo o encargado de dirimir se é delito o exceso de velocidade detectado por un radar que determinou que o entón presidente da Deputación de Ourense circulaba a 215 quilómetros por hora o pasado abril nun tramo da autovía A-52 á altura da comarca zamorana de Seabra limitado a 120 km/h.

A Sala do Penal recibiu o pasado 27 de setembro testemuño de xuízo rápido e dilixencias urxentes remitidas por xulgados de Zamora e A Pobra de Seabra polo aforamento de Baltar ao ser nomeado senador.

Inicialmente, Baltar ía ser xulgado no Xulgado de Instrución da Pobra de Seabra, en Zamora, mediante xuízo rápido pero nunha primeira ocasión este suspendeuse por incomparecencia do seu avogado e a segunda vez porque rexeitou conformarse coas penas da Fiscalía -1.800 euros de multa e a prohibición dun ano sen conducir- ao entender que non cometera delito, polo que o caso pasou a mans do Xulgado do Penal de Zamora.

Unha vez designado senador polo Parlamento de Galicia, o Xulgado do Penal número 1 de Zamora acordou a inhibición e remisión das actuacións en favor do Tribunal Supremo, que agora acorda que é competente para a causa, polo que procede á apertura do procedemento e a designación dunha instrutora.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade