Este venres comeza a última fase de reconstrución do viaduto do Castro
Este venres comeza a última fase de reconstrución do viaduto do Castro
Produciranse cambios nos desvíos dende as 8 da mañá do venres para poder completar as actuacións
O Ministerio de Transportes ten como obxectivo pór en servizo a A-6 a finais deste ano
O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible avanzou que este venres comezará a última fase das obras de reconstrución dos viadutos do Castro nos termos municipais de Veiga de Valcarce (León) e Pedrafita do Cebreiro (Lugo).
Para completar estas obras, Transportes modificará os desvíos do viaduto do Castro entre os quilómetros 428 e 432, para adoptar novas configuracións que permitan avanzar nas actuacións.
A partir do venres 24 de novembro ás 8 da mañá, produciranse cambios como o peche do desvío que comunica a A-6 de maneira directa coa N-6, no quilómetro 431, para proceder ao seu desmonte.
Este desvío era empregado polos vehículos lixeiros para evitar o paso pola travesía de Pedrafita do Cebreiro, utilizando un dos seus túneles. Deste xeito, todo o tráfico con sentido Madrid (incluíndo vehículos pesados e lixeiros) deberá circular pola saída 432 para acceder á travesía de Pedrafita e circular pola N-6 ata o quilómetro 428 da A-6 sentido Madrid.
Tamén se modificará o bypass establecido no quilómetro 428 da A-6, para permitir o paso directo de vehículos a través da A-6, o que obrigará a operar con tráfico bidireccional a través desta calzada en sentido A Coruña entre os quilómetros 422 e 428.
O paso de transportes especiais quedará restrinxido entre os quilómetros 428 e 432 da autovía. Ata a finalización desta fase de obras seguirá vixente a bonificación de tarifas das autoestradas AP-9 e AP-53.
O principal obxectivo do Ministerio de Transportes é poñer en servizo a calzada A-6 con sentido Madrid a finais deste ano.