Os empresarios reclaman financiamento para o enlace de Guitiriz co corredor de hidróxeno verde
Os empresarios reclaman financiamento para o enlace de Guitiriz co corredor de hidróxeno verde
Din que é fundamental para garantir a súa competitividade
A ausencia do tramo do hidroduto Zamora-Guitiriz da listaxe de proxectos de interese común elaborado por Bruxelas preocupa aos empresarios galegos. Din que ese enlace co corredor europeo do hidróxeno verde é fundamental para a súa competitividade. José Ramón Ferreiro, da Asociación galega do hidróxeno destaca que "están en perigo non só os proxectos que xa están en marcha, senón tamén os futuros. A nova foi un mazazo".
Apuntan que esta ausencia pon en risco investimentos millonarios, como os previstos para Meirama, As Pontes e Arteixo. Dende o Goberno mandan unha mensaxe de tranquilidade e insisten en que Galicia non quedará desconectada. Pedro Blanco, Delegado do Goberno en Galicia, insistiu en que "Galicia non queda fóra de nada. O que se levou ao Parlamento é unha listaxe de infraestruturas e empresas. Hai un erro de base. Galicia non queda fóra de nada".
A operadora Enagás xa hai meses que comprometeu o seu apoio a este proxecto do enlace de Guitiriz e insiste en que se trata dunha prioridade. O seu director executivo, Arturo Gonzalo Aizpiri, aclarou que se comprometeron "a ser promotores do hidroduto Guitiriz-Zamora, clave na rede troncal española da conexión con Portugal e co corredor europeo".
A patronal pídelle ao Goberno de España que se comprometa a facer esta infraestrutura e ao seu financiamento. Este enlace de Gutiriz co grande hidroduto europeo permitirá non só a importación, senón tamén a exportación de hidróxeno verde cando comecen a funcionar as plantas produtoras galegas.