Redondo, sobre violencia machista: "Temos que ser conscientes de onde se atopan os fallos do sistema"
Redondo, sobre violencia machista: "Temos que ser conscientes de onde se atopan os fallos do sistema"
A ministra de Igualdade recoñeceu que o sistema de protección ás vítimas de violencia de xénero "non é perfecto"
Redondo salientou que mellorar a coordinación é clave para perfeccionar a resposta ás mulleres e aos seus fillos e fillas
A ministra de Igualdade Ana Redondo recoñeceu que o sistema de protección ás vítimas de violencia de xénero "non é perfecto" e sinalou que se deben detectar os fallos e onde a coordinación institucional é insuficiente para chegar a todas as mulleres.
"Non podemos defender as vítimas en todo momento, pero temos que ser conscientes de onde se atopan os fallos do sistema, onde a coordinación non é suficiente e onde hai que mellorar", indicou a titular de Igualdade en declaracións á Cadena Ser.
Redondo salientou que mellorar a coordinación é clave para perfeccionar a resposta ás mulleres e aos seus fillos e fillas: "Non hai sistemas perfectos, hai que analizar cada caso, é verdade que se poden producir fallos. (...) Hai que seguir mantendo esa presión institucional, social, política, é esencial, e por suposto redobrar esforzos e mellorar a coordinación", insistiu.
A ministra lamentou unha "semana dolorosísima" e "terrible" en que tres mulleres e unha nena foron asasinadas e unha muller e unha adolescente están en coma tamén como consecuencia de crimes machistas. "Todos sentimos unha profunda dor", aseverou.
Sostivo que a violencia de xénero é un problema estrutural secular, unha realidade terrible que se arrastra desde hai séculos e que é "moi difícil de atallar". Aínda así, tras case 20 anos coa lei contra a violencia de xénero, considera que "se avanzou" e que "España non é a mesma".
O próximo 7 de decembro, Redondo reunirase co ministro do Interior Fernando Grande-Marlaska para analizar como se pode mellorar o sistema VioGén: "Quero ver para os orzamentos do ano que vén como se pode mellorar e como se poden poñer en funcionamento os recursos", adiantou. A ministra de Igualdade asegurou que a loita contra a violencia de xénero é unha "prioridade absoluta" non só do seu ministerio, senón de todo o Goberno.