Ribeira Sacra, unha paisaxe marcada pola auga
Ribeira Sacra, unha paisaxe marcada pola auga
Expertos de todo o mundo danse cita nun congreso internacional que busca relanzar a candidatura deste territorio a Patrimonio da Humanidade
O decorrer dos ríos Sil e Miño ao longo da historia deu forma a unha paisaxe única. Máis de dezaseis mil hectáreas de terreo, a cabalo entre as provincias de Lugo e Ourense, divididas nunhas noventa e seis mil parcelas onde os usos e costumes se manteñen case inalterables dende hai séculos.
Mario Crecente, Coordinador da Candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade: "Se a esa estrutura tan miúda e tan ben conservada lle unimos non só as liñas que marcan os camiños e os socalcos senón tamén as liñas de auga —regos, regatos, muíños, batáns, eléctricas populares, ata chegar ás centrais contemporáneas—, esa aliñación de usos da auga é a que nos dá a paisaxe resultante e é sobre o que queremos traballar".
Cun obxectivo, reformular a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Para pór en valor a pegada da auga decidiron congregar, durante tres días, máis dunha trintena de expertos internacionais.
Carmen Martínez, Directora Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia: "Persoas que pertencen a institucións relevantes como UNESCO ou ICOMOS e traballan todos os días con estes bens patrimoniais para que nos abran horizontes, novas perspectivas que nos permitan traballar nesa liña para conseguir un recoñecemento de valor universal excepcional".
Un recoñecemento a singularidade dun territorio moldeado pola auga onde a viticultura heroica comparte espazo cunha das maiores concentracións de igrexas e mosteiros románicos de toda Europa.