Un alumno de Maside recibe o Premio Arenteira á superación persoal
Un alumno de Maside recibe o Premio Arenteira á superación persoal
O cineclub do Carballiño, o club AEHDE de patinaxe, e a título póstumo a dinamizadora cultural Rosa Núñez son outros dos premiados
Entregáronse no Carballiño os Premios Arenteira. Os galardóns concédense a persoas ou entidades vinculadas a estas terras e como recoñecemento aos seus valores de superación e esforzo. Este ano son o cineclub do Carballiño, o club AEHDE de patinaxe, e a título póstumo a dinamizadora cultural Rosa Núñez. O cuarto dos galardoados ten apenas quince anos, chámase Miguel e recolleu o premio á superación persoal proposto polos seus profesores.
"Estaba comendo coa miña familia e atopeime mal, meus pais leváronme ao médico e alí me dixeron que tiña algo grave, que era unha leucemia común e que ía estar dous anos en tratamento oncolóxico".
Foi no mes de xullo do 2021 cando Miguel soubo da súa enfermidade. Daquela tiña por diante dous anos de tratamento con momentos moi duros pola quimioterapia, pero decidiu que malia pasar máis tempo no hospital en Vigo que na súa casa de Maside, quería seguir adiante cos estudos.
"Pouco a pouco funme conectando en liña as clases, os meus profesores axudáronme moitísimo, e a verdade grazas a eles e aos meus compañeiros foi todo perfectamente".
Di que o esforzo foi dobre, pero que aínda así estudar axudouno a tirar para adiante en moitos momentos.
"Moitas veces estudar era a maneira de distraerse do que eran os hospitais, do que supoñía estar no hospital con quimioterapia. Moitas veces un esixíase a si mesmo dar todo para así sentirse mellor, seguir pensando que daba feito todo o que facía antes de estar enfermo".
Conta que agora leva unha vida case normal, xa só ten que ir o hospital para as revisións, queda cos seus amigos e xa pode ir a clase. E ademais hai varios sobresaíntes nas súas notas. A satisfacción di, non pode ser maior.
"Sentir que o logrei, que ademais de conseguir as notas que eu pretendía sacar, tamén notar que era capaz de superarme e de vencer a enfermidade. Iso a verdade deume moita esperanza e moitos ánimos".
Miguel di que é bo coa Física e as Matemáticas. Que algún día lle gustaría estudar enxeñería e máis adiante deseñar barcos. Os seus quince anos di que non ten presa pero si que ten claro como ve o seu futuro.