Xoán Carlos I volve navegar pola ría de Pontevedra
Xoán Carlos I volve navegar pola ría de Pontevedra
O Bribón, con el de patrón, asegura outro título de vela
O Bribón, con Xoán Carlos I de patrón, asegurou este sábado o título de campión de España da Liga de 6 Metros. A embarcación impúxose na primeira xornada da competición que volveu traer o pai de Filipe VI a Sanxenxo.
"Para nós é como un veciño máis da vila. Xa o temos como un veciño", dicía unha muller.
"Hai xente que ao mellor non lle gusta pero a min si. Prefería que estivese aquí todos os días", afirmaba un home.
A sexta visita de Xoán Carlos de Borbón á localidade pontevedresa desde que marchou hai tres anos a Abu Dhabi, non deixa de espertar curiosidade. Entre os congregados no peirao para velo atopamos unha parella que se desprazou desde Andalucía.
"Expresamente viñemos desde Córdoba para velo", explicou o home.
"Fixemos dez horas de coche", engadiu a muller.
"Sinto admiración por el e decidimos vir ata aquí por se o podiamos ver, fotografarnos e saudalo", puntualizaba o home.
Na competición de hoxe e nos adestramentos de onte tamén participou a infanta Helena, pero a bordo doutra embarcación.