Escolares de Ourense aprenden a catar aceite virxe extra galegos
A través do olfacto e o gusto puideron descubrir as características de diferentes aceites
Para dar a coñecer entre os escolares os aceites de oliva virxe extra galegos, o instituto de secundaria O Ribeiro ofreceulles unha cata a medio cento de alumnos e alumnas de varios centros educativos da cidade de Ourense. A través do olfacto e o gusto puideron descubrir as características de diferentes aceites.
Nesta cata de aceites galega de oliva virxe extra os escolares aprenden a recoñecer os atributos positivos e negativos dun aceite. Se é afroitado: verde ou maduro, e tamén a distinguir o seu amargor e o picor.
"Dentro dese verde destaca o que é a herba cortada, a mazá verde, unha folla de figueira, son características propias dun aceite verde", explica Liliana Lafuente Acuña, profesora de Industrias Alimentarias do IES O Ribeiro.
Para iso hai primeiro unha fase olfactiva e logo a gustativa, espallando o aceite pola boca e comentan o resultado da cata.
O obxectivo é "ensinar a identificar un bo aceite de oliva virxe extra, e sobre todo, para promover os aceites galegos que temos aquí, que son dunha calidade excepcional, e que ás veces non o sabemos a maioría das persoas", asegura Lafuente Acuña.
Para iso hai primeiro unha fase olfactiva e logo a gustativa, espallando o aceite pola boca e comentan o resultado da cata.
Esta actividade está organizada e impulsada polo instituto de secundaria O Ribeiro, que foi premiada polo proxecto de innovación 'Nova olivicultura galega: aceite de oliva extra de calidade' e onde imparten o ciclo de viño e aceite. Na cata participaron medio cento de alumnos de 4º da ESO e alumnas dos institutos ourensáns Cardenal Cisneros, A Purísima, e a Universidade Laboral.
No departamento de Industrias Alimentarias do centro O Ribeiro colaboraron ademais con outros institutos ourensáns para elaborar unha guía de análise sensorial dos aceites virxe extra feitos en Galicia.