Publicador de contidos
Publicador de contidos

"Aínda que saibas nadar, como leva moita corrente, a auga fai remuíños e trágate"

"Aínda que saibas nadar, como leva moita corrente, a auga fai remuíños e trágate"

A vila de Arbo garda loito polos dous afogados no río Miño, un home e o seu fillo de 10 anos

As praias fluviais deberían ter sinalización dos riscos para o usuario, din desde Fessga

G24.gal 02/05/2022 15:17

En Arbo seguen consternados pola traxedia que se viviu no Miño a pasada fin de semana. A vila amenceu coas bandeiras a media hasta en sinal de loito pola morte dun pai e do seu fillo afogados. 

"Por acordo da corporación municipal vimos de decretar tres días de loito oficial en que as bandeiras ondearán a media hasta e suspéndese calquera tipo de actividade programada dende o concello", explicaba Horacio Gil, alcalde de Arbo.

Os veciños non quitan da cabeza o suceso: o pai, un home de 42 anos, residente en Vigo, de orixe estremeña, tentou salvar o fillo de morrer afogado. O neno de dez anos lanzouse á auga recoller unha zapatilla, e a corrente tragounos, primeiro o rapaz, e logo o pai cando tentaba socorrelo. Todo foi moi rápido, ante a impotencia da nai, que estaba co outro fillo de oito anos da parella. A corrente do Miño ten un longo regueiro de afogamentos nesta zona.

"É moi, moi triste, que un pai intente salvar o fillo e non poida. E que morra o pai e logo atopen o neno, é moi triste", dicía este luns unha veciña da vila. "Aínda que saibas nadar, como leva moita corrente a auga e fai remuíños, trágate. Alí xa morreron dous rapaces, e raro é o ano en que no leva un par deles", aseguraba outro.

Todos valoran e agradecen o labor do dispositivo que buscou por terra, río e por aire os desaparecidos. Unha tarefa moi complicada que culminou co achado do corpo do neno polos mergulladores da Armada, 23 horas despois do suceso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade