Como recuperar a pel despois do verán?
Como recuperar a pel despois do verán?
Xa estamos no outono, pero neste verán de San Miguel que estamos pasando moitos seguen tomando o sol
Cómpre lembrar a importancia de empregar protección solar
Despois dun verán e dun principio de outono en que estivemos e aínda estamos moi expostos ao sol, a nosa pel nota e moito ese desgaste. O sol "produce esa destrución do coláxeno de calidade, isto tradúcese nunha deshidratación da pel. Atoparémonos con peles cetrinas, deshidratadas, peles apagadas, poros dilatados, sucios; ás veces imos máis alá, temos xa efectos sobre a propia saúde da pel, con gromos de acne inflamatoria, manchas de diferente tipo e mesmo cuperose, rosácea", explica Yolanda Albelda, propietaria dunha clínica estética.
É o momento de preguntarnos que é o que debemos de facer para coidar a nosa pel, que en moitos casos está demasiado queimada aínda que non o vexamos cos nosos propios ollos e mesmo aparecen manchas e as tan temidas engurras: ''Comezariamos por un tratamento de hidrafacia, e a partir de aí decidiriamos, se queremos máis hidratación ou máis nutrición. Imos a mesoterapias con produtos específicos. Queremos tratar manchas porque unha vez que se vai o moreno o que nos preocupa son as manchas, pois iriamos a peelings químicos combinados con determinadas luces'', di Albelda.
Rematou o verán, volvemos á rutina, e xa podemos volver a coidar tamén a nosa alimentación, que é o reflexo da nosa pel. "Se temos manchas máis específicas, como son os léntigos, estas manchas solares típicas das persoas maiores, que non só aparecen na cara, que tamén aparecen no pescozo, escote e mans, aí xa nos iriamos a unha luz pulsada, ou a un láser de vascular e tamén nos axudaría a pechar esas veíñas que romperon'', sostén Albelda.
E con estes consellos o que deberiamos pensar é que temos que coidar a nosa pel, non só no inverno, senón tamén no verán para evitar doenzas ás veces irreversibles.