Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os dermatólogos, contra a moda do 'calo solar'

Os dermatólogos, contra a moda do 'calo solar'

A exposición aos raios ultravioleta é a principal causa de cancro e a posición dos que a defenden é acientífica

G24.gal 10/07/2024 14:46

Segundo a Organización Mundial da Saúde, a exposición excesiva ao sol é o principal desencadeante de cancro, mesmo por diante do tabaco. Por iso, os especialistas en dermatoloxía insisten na necesidade de protexerse. Critican con dureza modas como a do denominado "calo solar" que poden prexudicar gravemente a nosa saúde.

O novo fenómeno viral que incita a expoñerse ao sol sen protección para crear un suposto calo solar, ata usa as veces un falso léxico científico. Son moitos, en TikTok ou en Instagram, pero non teñen credibilidade.

"Estas modas de poñerse ao sol para que a nosa pel se afaga... non teñen ningunha base científica. A nosa pel non se vai afacer a nada. Ao contrario, hai evidencia de que esa exposición causa fotoenvellecemento e pode causar cancro cutáneo", explica María Dolores Sánchez Aguilar, a adxunta do servizo de dermatoloxía adscrita á unidade de melanoma e cancro cutáneo do CHUS.

O melanoma é un tumor que pode ter un comportamento agresivo e o factor etiolóxico máis importante é a exposición á radiación ultravioleta. Ter precaución para previr o cancro cutáneo non significa que teñamos que pecharnos na casa, significa que temos que protexernos cando a radiación ultravioleta é máis alta. 

As recomendacións son sombra, parasol e sombreiro. E, sempre, protección segundo o noso fototipo. Os Fototipos I e II, loiros de ollos claros, xente que se queima facilmente e non se pigmenta, ten que usar como mínimo un factor 50, segundo os dermatólogos.

Evitar as horas centrais do día, protexerse tamén cando se fai deporte, e extremar as precaucións na infancia son as recomendacións principais. Se aparece lesións novas ou hai lunares que cambian hai que consultar inmediatamente.

"Se cambia de tamaño ou cor, pica, sangra ou doe, hai que consultar co médico de Atención Primaria que ten unha vía rápida de acceso a dermatoloxía. Fai unha foto e, se se considera unha lesión sospeitosa, un especialista vai ver o paciente nun período máximo de 72 horas", conclúe a doutora Sánchez Aguilar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar