Publicador de contidos
Publicador de contidos

O ceo galego engalánase co esplendor das auroras boreais

O ceo galego engalánase co esplendor das auroras boreais

A intensa actividade electromagnética do sol fai que se poida ver en latitudes máis meridionais

É o terceiro fenómeno no que vai de ano en Galicia e non se desbota que se repitan

 

G24.gal 12/10/2024 14:59 Última actualización 12/10/2024 16:22

Esta semana en moitas partes de Galicia puideron contemplar coma o ceo nocturno alumeaba cun ronsel luminescente propia de latitudes máis setentrionais.

Son as auroras boreais, que se forman polas perigosas partículas eléctricas que expele o Sol e das que se defende a Terra a través dos campos magnéticos.

"Son esas partículas cargadas electricamente que non van tan rápidas coma a luz do sol. Cando esas cargas eléctricas chegan á nosa atmosfera o que fan é ionizar os gases atmosféricos e isto provoca que ese gas emita luces, que serán dunha maneira ou doutra en función da enerxía que teña a partícula do sol", explica Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago de Compostela.

A actividade magnética do sol varía en ciclos de once anos e agora está no pico con maior intensidade. Por iso estanse a contemplar en zonas non habituais coma Galicia.

"Se ese vento solar de  partículas é moi intenso, ese escudo magnético da terra cede un pouco, con esa presión, e imos ver as auroras boreais a latitudes máis baixas. Non só como é habitual nos polos, senón en latitudes coma as de Galicia e mesmo máis abaixo", ilustra o catedrático da universidade compostelá.

Con este xa son tres os fenómenos de auroras boreais rexistrados en Galicia este ano.

"Se houbo xa tantos episodios é previsible que haxa máis porque estamos no momento de máis actividade do sol", engade Jorge Mira.

Hai século e medio unha das tormentas solares máis intensas reportadas inutilizou os poucos aparatos eléctricos que existían daquela. Esta semana a loita entre o Sol e a Terra rematou, polo momento, cun inesquecible espectáculo de luces no ceo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar