As farmacias advirten dos danos silenciosos do sol
As farmacias advirten dos danos silenciosos do sol
Galicia é a quinta comunidade española con maior incidencia de melanoma
Recomendan usar fotoprotector de xeito diario e renovalo con frecuencia
Os farmacéuticos advirten: un potencial asasino chamado sol anda solto e cómpre protexerse do seu silencioso ataque.
"O fotoprotector é o noso escolta contra ese ataque, non podemos esquecelo tampouco nos días anubrados", di Blanca González, voceira do Colexio de Farmacéuticos da Coruña.
"Imos poñernos morenos igual, pero pausadamente e sen queimaduras que son unha agresión tremenda e pasan factura co tempo", comenta Marga Muñoz, secretaria do Colexio de Farmacéuticos da Coruña.
Por se non funciona a imaxe do gángster, disparan datos: cada ano detéctanse 350 cancros de pel en Galicia, a quinta maior incidencia do Estado.
"O cancro de pel aumenta cada ano, temos que concienciar da importancia de usar protección solar a diario todo o ano", engade a secretaria do Colexio de Farmacéuticos da Coruña.
Cómpre usar fotoprotector a diario e renovalo con frecuencia, sobre todo despois dos baños. Non hai que esquecer zonas sensibles, como calvas ou escotes, xa que o bronceado é unha agresión que ademais avellenta a pel.
"O bronceado nunca é saudable, o 80% do envellecemento da pel é producido polo sol. A mellor crema antiidade é o fotoprotector", explica a voceira do Colexio de Farmacéuticos da Coruña.
Xunto a unha crema axeitada, recomendan usar lentes e gorro, mesmo camisetas no caso dos nenos. E de doce a catro mellor quedar na sombra, porque son as horas favoritas do silencioso atacante.