Publicador de contidos
Publicador de contidos

O conselleiro de Sanidade asegura que "a asistencia sanitaria estará ben cuberta" este verán cos mir

O conselleiro de Sanidade asegura que "a asistencia sanitaria estará ben cuberta" este verán cos mir

Antonio Gómez Caamaño agradece o "compromiso" dos médicos residentes e sinala: "A consellería non fabrica médicos, a fábrica de médicos está no Ministerio"

O novo titular de Sanidade saúda a creación da especialidade de urxencias, aínda que cre que o efecto se verá "a longo prazo"

 

G24.gal 02/07/2024 10:51 Última actualización 02/07/2024 11:40

O novo conselleiro de Sanidade xustifica o plan da Xunta para cubrir, con médicos residentes de cuarto ano, o déficit de facultativos que existe durante o verán. Antonio Gómez Caamaño lembra que é unha medida "voluntaria, incentivada e supervisada" que comezou a funcionar o luns 1 de xullo e que estará vixente durante a época estival.

O conselleiro agradece "o compromiso" destes profesionais "con Galicia e con todos os galegos" e rexeita as críticas da ministra de Sanidade e da oposición en Galicia a este plan, que tacharon de "ocorrencia". 

"A consellería non fabrica médicos, a fábrica de médicos está no Ministerio de Sanidade"

"Galicia fai os seus deberes", asegura nunha entrevista no Bos días o novo titular de Sanidade do Goberno galego. Gómez Caamaño afirma que o problema está no "déficit do persoal sanitario" e pídelle ao Goberno central que asuma a súa responsabilidade".

"A consellería non fabrica médicos, a fábrica de médicos está no Ministerio de sanidade, eles son os responsables do déficit. Cadaquén que asuma a súa responsabilidade. Nós planificamos o que temos tentando garantir a asistencia dos galegos no verán". O conselleiro é "optimista". Cre que con estas medidas, "a asistencia sanitaria estará ben cuberta para todo os galegos" durante a época estival.

"Ata o ano que vén seguramente non se convocarán prazas na especialidade de urxencias"

O novo titular de Sanidade do Goberno galego saúda a decisión do Goberno de crear a especialidade de urxencias sanitarias. Antonio Gómez Caamaño lembra que se trata dunha "reivindicación antiga" dos profesionais sanitarios que "apoiou Galicia", xa que "permitirá coñecer as necesidades reais que temos de médicos de primaria, porque a maior parte deles derívanse a urxencias".

Con todo, pensa que a medida "vai con atraso" e os efectos "veranse a longo prazo". Calcula que "ata o ano que vén, seguramente, non se convocarán prazas".

Na primeira entrevista concedida á TVG desde que chegou á consellería, Gómez Caamaño confesou que estes primeiros meses á fronte desta responsabilidade están sendo "moi interesantes e moi emocionantes".

Sobre as listas de espera que existen na sanidade pública, apuntou que "son inevitables" e que, o que máis lle preocupa é "o impacto que estas poden ter na saúde dos pacientes".

O conselleiro asegura que o 87 por cento dos pacientes de Galicia están "satisfeitos ou moi satisfeitos" coa atención sanitaria que reciben e afirma que, en saúde pública e vacinación, "somos o número 1 do mundo".

Gómez Caamaño confía en que extraer "resultados interesantes" dos novos programas de cribado de cancro de próstata e pulmón postos en marcha nas áreas sanitarias de Ferrol e A Coruña-Cee respectivamente.

Por último, o conselleiro avanzou que o seu departamento está traballando agora no Plan de Recursos Humanos do Sergas que será o "piar sobre o que se vai planificar a asistencia sanitaria en Galicia".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade