'Dronefinder', o proxecto co que Galicia busca axilizar a procura de desaparecidos
'Dronefinder', o proxecto co que Galicia busca axilizar a procura de desaparecidos
A Xunta incluirá unha partida de 721.300 euros nos orzamentos do 2025 para avanzar o seu desenvolvemento
Realizouse este venres na Estrada un simulacro para a busca de busca con drons
A Xunta de Galicia incluirá unha partida de 721.300 euros nos seus orzamentos de 2025 para avanzar no desenvolvemento do proxecto 'Dronefinder', deseñado para reducir os tempos na procura de persoas desaparecidas mediante a utilización de aeronaves non tripuladas.
Avanzouno así o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, tras asistir na Estrada a un simulacro de procura dun desaparecido cun dos vehículos non tripulados da unidade operativa de drons da Axencia Galega de Emerxencias.
'Dronefinder' é unha iniciativa desenvolta pola UTE Aeromedia, Indra e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) que xa foi testada con éxito en varios escenarios e que, segundo os seus responsables, xa está preparada para integrarse en sistemas de servizos de emerxencias.
Calvo explicou que esta solución mellorará a eficacia na prevención e nos operativos de desaparicións, sobre todo en colectivos vulnerables como persoas maiores, con diversidade funcional ou con enfermidades neurodexenerativas.
Esta tecnoloxía proporciona recursos para localizar persoas mediante a comunicación do dron cun localizador nun reloxo, un detector de teléfonos móbiles ou analizando o vídeo das cámaras integradas nos vehículos non tripulados, que revisan de forma automática e en tempo real imaxes recollidas por cámaras de vídeo duais.
Ademais, permite lanzar un aviso directo aos equipos de emerxencias, reducindo os tempos de resposta e optimizando os recursos empregados nos operativos de busca.
Desde a posta en marcha do seu grupo de apoio loxístico en 2016, os drons da Axencia Galega de Emerxencias foron mobilizados en máis dun centenar de ocasións, quince delas no último ano.