Publicador de contidos
Publicador de contidos

"Ela di que se pasaron, que como o deixaron, e el dille: 'Dáme igual, era un maricón de merda'"

CASO SAMUEL

"Ela di que se pasaron, que como o deixaron, e el dille: 'Dáme igual, era un maricón de merda'"

Testemuñas que relatan a conversa entre dous dos principais acusados a noite do asasinato de Samuel din que asistiron a unha conversa "alterada"

Os menores condenados por este crime alegan que só lembran unha "disputa"

G24.gal 24/10/2024 12:05 Última actualización 24/10/2024 15:04

Testemuñas que viron unha parella logo da agresión mortal a Samuel Luiz, presuntamente os acusados D. M. e C. S., entón noivos, confirmaron que lle escoitaron ao "mozo" dicir expresións como "maricón de merda" e que tamén lle viron manchas de sangue. Dela precisaron que estaba "alterada" e que lle recriminaba a el o seu comportamento.

"Ela non paraba de repetir como o deixaron, que se pasaran", asegurou unha das testemuñas no xuízo que dixo que vira a parella discutir durante unha conversa cun ton "alterado".

En concreto, esa discusión transcorreu pola avenida de Linares Rivas en dirección ao parque Europa onde, segundo as acusacións, os procesados quedarían logo da agresión a Samuel Luiz.

Unha das testemuñas explicou que a moza parecía "enfadada con el, dicíalle que se pasaron", expuxo. Isto sen poder identificar a estas persoas entre os acusados como si fixera días despois dos feitos, cando sinalara a D. M e a C. S. nas súas declaracións policiais e xudiciais.

Nesta ocasión ratificou que ouviu que lle dicía algo similar a "como o deixastes ou como o deixaches", expresións empregadas pola fiscal nas súas preguntas á testemuña e que escoitou do home: "Dáme igual, era un maricón de merda".

Amais diso, as tres testemuñas que declararon este xoves en primeiro lugar tamén relataron que o principal acusado, D. M., tiña unha mancha de sangue na camiseta e que lle doía un pé tras a malleira mortal. Ata o de agora a súa defensa de baseaba en que só dera puñadas.

De feito, apuntaron a que quitou o calzado e chegou a meter ese pé nun estanque para atopar alivio.

No parque de San Diego, onde segundo a acusación se reuniron para pactar a versión do ocorrido, un amigo dos acusados recriminoulles: "Sempre que saio convosco, acabo en movidas", e posteriormente convidou estes tres amigos a marchar.

A última deste grupo de amigos detallou que tamén escoitou a D. M. dicir: "Non me gustan os maricóns, pero respéctoos".

Os menores condenados polo crime din que só lembran unha "disputa"

Os mozos que eran menores no momento da agresión mortal a Samuel Luiz, e que foron condenados por estes feitos a tres anos e medio de internamento nun centro de menores, tras un acordo entre as partes, alegaron que non lembraban o día dos feitos.

Un deles, M. F. O., manifestou tamén que ese día consumiran alcol o grupo co que estaban, desde que chegaron e ata que marcharon. Xa sobre o exterior do local de lecer onde, segundo as acusacións, comezou a agresión á vítima, dixo que viu "como unha disputa".

"Vin moita xente, había berros, xente correndo", manifestou, á súa vez, D. R. V. "Non lle podería dicir, non o sei", expuxo ao ser preguntado sobre a suposta participación ou presenza dos acusados e da intervención das persoas que estaban alí.

E é que "non o lembro" ou "non o sei" foi o máis repetido por ambos nas súas contestacións ás preguntas das partes. "Fun por alí a ver o tumulto", manifestou este último sobre ese día.

O xuízo retómase o luns coa declaración do pai de Samuel.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade