Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rosa Quintana: "España debeu intentar seguir coa busca do Villa de Pitanxo"

Rosa Quintana: "España debeu intentar seguir coa busca do Villa de Pitanxo"

A conselleira do Mar insta o Goberno central a decidir canto antes se aposta por un operativo para localizar o barco porque cre que "imos un pouco tarde"

Rosa Quintana anuncia que a semana vindeira convocará unha xuntanza coas partes implicadas no conflito da mexilla para chegar aos "máximos acordos posibles"

G24.gal 27/02/2022 09:54

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, insta o Goberno central a decidir canto antes se aposta por poñer en marcha un operativo de localización do Villa de Pitanxo, afundido o 15 de febreiro en augas de Terra Nova.

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, Quintana agradece a "solidariedade dos mariñeiros" que proseguen coa busca activa dos doce tripulantes do Villa de Pitanxo aínda desaparecidos mentres traballan nesas augas.

Malia asegurar que o Canadá tivo un "comportamento moi bo" á hora de acometer o rescate e a busca dos náufragos, opina que "España debeu intentar continuar coa busca máis tempo". 

"Creo que España debeu intentar continuar coa busca máis tempo. Eu quero aproveitar para agradecer unha vez máis a solidariedade que teñen demostrado todos os mariñeiros galegos. Hai que pensar que a frota que está en Terra Nova está soportando unhas condicións moi duras (...). Como todo o mundo sabe, a pesca nese caladoiro é moi complicada e aínda así sacrifican os días de marea, alongan máis a marea, para facer unha busca activa". 

Preguntada pola posible busca do pesqueiro a través de empresas privadas especializadas, en lugar de enviar medios propios do Goberno español, Quintana asegura que non ten máis información que a que recibe dos medios de comunicación e lle transmiten os familiares. 

Recoñece que as condicións de profundidade e as mareas na zona son importantes e hainas que ter en conta pero cre que "hai que intentalo" como se fixo noutras ocasións, coma no caso das nenas supostamente asasinadas polo seu pai en Tenerife. 

A conselleira do Mar asegura que de Mariña Mercante non lle transmitiron nada sobre estas posibilidades pero cre que de se tomar unha decisión, tería que ser canto antes porque "xa imos un pouco tarde".

"Eu creo que xa imos un pouco tarde. Non podemos esquecer que o accidente tivo lugar xa o día 15 de febreiro, estamos a 27 e xa pasaron moitos días. Canto máis pronto se tome a decisión de ir, máis posibilidades de éxito teriamos". 

A conselleira do Mar apela á prudencia e a deixar traballar á comisión de investigación para aclarar as causas do naufraxio. "Hai que deixar traballar os técnicos con rigor", contestaba ao se lle preguntar polas diversas informacións transcendidas sobre posibles causas. O que tamén di ter claro é que dos resultados que tire a comisión "todos debemos sacar leccións".

Respecto a supostas irregularidades ou incumprimentos denunciadas polas familias dos mariñeiros, Quintana di comprender que "queiran respostas" pero insta a agardar a que a comisión dea luz e achegue "sosego e tranquilidade". 

"Cando isto acontece na mar, onde estás traballando nunhas condicións perigosas, as dúbidas que che xorden son aínda moito maiores. Eu entendo a desesperación das familias e creo que tamén esa comisión de investigación lles achegará sosego e tranquilidade". 

Conflito da mexilla

A conselleira do Mar tamén anunciou que a semana vindeira a Xunta convocará unha reunión coas partes implicadas no conflito da mexilla.

"Os próximos días teremos unha reunión a tres partes para intentar chegar aos máximos acordos posibles", asegurou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade