"Fíxose xustiza", di o pai de Desirée Leal
"Fíxose xustiza", di o pai de Desirée Leal
Ana Sandamil foi condenada a prisión permanente revisable polo asasinato da súa filla
"Non podo dicir que estou feliz, porque non teño a miña nena e non a vou ter pola sentenza", di Xosé Manuel Leal, o pai de Desirée. Entende que coa condena a prisión permanente revisable para Ana Sandamil "fíxose xustiza".
Recibiu a noticia como "un pequeno descanso" para eles. A prisión permanente revisable é a pena máxima que contempla o Código Penal, e a que pedían todas as acusacións que se presentaron no xuízo.
A sentenza confirmou o veredicto do xurado popular, que considerou probado que Ana Sandamil asasinou a súa filla, que era consciente do que facía e que o fixo porque non quería darlle a custodia compartida ao pai.
Precisaron un día para acordar o veredicto, logo de seis xornadas de xuízo que Xosé Manuel tampouco vai esquecer. "Foi moi duro, moitos días, revivir moitas cousas", lembra emocionado.
Di que neses días tamén tivo que escoitar "moitas declaracións con mentiras", e que agora estuda demandar eses que, para el, foron dar falsos testemuños. "Un punto e á parte non vai ser nunca, e tampouco vai ser no sentido de pasar cousas por alto".
Di que a súa loita por facer xustiza para Desirée seguirá sempre: "Tamén é un pouco a miña vida, que xamais volverá ser a mesma", conclúe.