Publicador de contidos
Publicador de contidos

Héctor trouxo refuxiados de Ucraína: "Animicamente foi moi duro, pero repetiría"

Héctor trouxo refuxiados de Ucraína: "Animicamente foi moi duro, pero repetiría"

Héctor Pérez foi o primeiro galego que emprendeu a longa ruta por estrada cara á fronteira ucraína e ofrecer a súa axuda para traer refuxiados

As nove mulleres e menores de idade que viñeron ata Castroverde con Héctor e o seu socio Paulo continúan en España

G24.gal 24/08/2022 14:13

Seis meses despois do inicio da guerra en Ucraína, Héctor Pérez bota a ollada atrás para lembrar a longa ruta por estrada que el e o seu socio Paulo Ribeiro fixeron daquela. Foron pioneiros desde Castroverde nun modo de axuda humanitaria sen planificación nin máis infraestrutura que os seus vehículos e a vontade de axudar na fuxida desesperada do horror.

"Foi algo que decides en quente, cando ves que alguén se está afogando e lle botas unha man... foi un impulso", di.

Catro mulleres, unha delas anciá e cinco menores acudiron ao único reclamo do cartón que alguén lles escribiu en ucraíno. España non era a primeira opción para case ninguén, demasiado lonxe para un exilio que prevían de curta duración.

"Todo o mundo alí pensaba que ía ser moi breve, que saían uns días e que volverían pronto, e con ese esquema España desde logo non era un destino ideal", explica Héctor.

Pero 180 días despois as nove persoas que viñeron con eles continúan en España, todas en Madrid agás un dos menores que se reuniu coa súa nai na Coruña. "Están buscando traballo e é moi difícil porque non hai traballo para eles pola imposibilidade de comunicación", quéixase.

Segue sabendo deles polas redes sociais e non ten dúbidas: volvería facer o mesmo, a pesar do custo emocional que tamén tivo para el.

"Animicamente a min tocoume moito, porque a raíz de estar alí chamounos moita xente con problemas gordos... xente chorando pensando que ti podes axudar... caes abaixo, mátate, derrúbate, porque non é algo que estea nas túas mans".

Unha experiencia "dura, si, pero por suposto que volvería repetir", conclúe Héctor.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade