"Gravouse todo: o barco, os aparellos..., e estaba todo intacto"
A INSPECCIÓN DO PITANXO
"Gravouse todo: o barco, os aparellos..., e estaba todo intacto"
O director xeral da empresa propietaria do buque Ártabro, que realizou a inspección do pecio do Villa de Pitanxo, explica que a localización do buque afundido foi bastante doada e que contaron cunha visibilidade "moi boa" para poder realizar a gravación dos restos
Este luns regresaba a Vigo o buque Ártabro tras a misión de localización e inspección dos restos do Villa de Pitanxo en augas de Terra Nova (O Canadá). Foi unha misión máis curta do previsto pero cuns resultados óptimos, segundo explica José Cubeiro, director xeral de ACSM, propietaria do Ártabro.
"Gravouse todo, absolutamente todo: o barco, os aparellos..., e estaba todo intacto", di Cubeiro. "Está todo gravado e a partir de aí sacarán as conclusións unha vez que analicen as gravacións".
Debido ao segredo de sumario e á confidencialidade do operativo non se poden ofrecer datos sobre o que se ve nesas imaxes captadas por un robot submarino, pero o director xeral de ACSM explica que se puido realizar "unha gravación moi boa, moi clara".
As condicións no momento deses traballos tamén contribuíron a ese labor: "Axudaba que a visibilidade era excepcional no fondo e gravamos todo o barco e os aparellos como tiñamos previsto", explica José Cubeiro.
En canto á localización do barco, relatan que foi máis rápida do previsto, xa que a información previa coa que contaban era moi boa, cunhas coordenadas moi precisas, e unha vez en augas de Terra Nova tardaron pouco en dar co que pensaban que podían ser os restos do pesqueiro afundido en febreiro de 2022.
"Xa estabamos practicamente seguros de que o pecio era o Villa de Pitanxo, e unha vez finalizou a inspección co side scan sonar, tivemos que agardar un par de días por mal tempo", relatan desde a empresa propietaria do Ártabro.
Confirman que entre os restos do buque non estaba á vista ningún dos mariñeiros desaparecidos no naufraxio: "Co tempo que pasou era practicamente inviable".
Agora todo o traballo realizado, e supervisado polos peritos, dous designados pola Audiencia Nacional e un polas familias dos falecidos, está en mans da Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM), que realizará o informe sobre o naufraxio e dará traslado ao xuíz instrutor do caso.