"O modelo BNG" nos concellos, proposta dos nacionalistas para as municipais
"O modelo BNG" nos concellos, proposta dos nacionalistas para as municipais
A fronte busca conformar unha "nova Galicia" concello a concello
O BNG presentou a súa campaña para as eleccións municipais. Terá dúas mensaxes: nos concellos onde son oposición, chaman ao cambio, porque cren que eses municipios merecen moito máis. E nos concellos onde gobernan, pedirán a continuidade do proxecto garantindo que queda moito por vir.
Din que afrontan estas eleccións como un reto: obter un resultado histórico e "formar unha nova Galicia concello a concello".
Unha das responsables de comunicación da executiva nacional do BNG e tamén deputada no Parlamento, Olalla Rodil, presentou este venres a imaxe e tema de campaña para as municipais que estará “enfocada na posta en valor do modelo BNG nos concellos”.
En opinión da dirixente do Bloque, os gobernos locais que presiden os nacionalistas “son referencia en toda Galicia” e significan “autoestima e orgullo” para os seus veciños como é o caso, nomeou, dos executivos de Pontevedra, Allariz ou Carballo.
“É a gran fortaleza que temos” e, en base a iso, pedirán o voto non en base a promesas baleiras senón con “feitos e realidades encima da mesa” de forma que os seus alcaldes e alcaldesas serán o “mellor escaparate” do que quere facer o BNG no resto de Galicia.