Publicador de contidos
Publicador de contidos

"Quero que se acuse formalmente o asasino da miña filla, pido xustiza"

"Quero que se acuse formalmente o asasino da miña filla, pido xustiza"

A nai de Nerea Añel convoca unha concentración ás portas do xulgados de Ourense

Belén Vázquez pide que se impute canto antes o que fora mozo da súa filla polo seu presunto homicidio

G24.gal 18/02/2022 13:25

Moi emocionada, Belén Vázquez, a nai de Nerea Añel, clama xustiza. 

"Quero que se acuse formalmente o asasino da miña filla, pido xustiza".

Arroupada, entre tanta dor, por familiares, amigos e veciños pediron, ás portas dos xulgados de Ourense, que acusen formalmente o que era mozo da súa filla, único sospeitoso do seu presunto homicidio. 

A investigación sobre a morte violenta de Nerea Añel lévaa o Xulgado de Instrución número 3 de Ourense. A xuíza, nun auto, alude a dez indicios polos que Julio González podería ser xulgado por un presunto delito de homicidio e outro de malos tratos continuados.

Recentemente tomou declaración a dúas testemuñas que aseguraron que viran como mallaba en Nerea. Este mes estaba prevista unha comparecencia para comunicarlle ao sospeitoso os cargos que se lle imputan, pero aprazouse á petición do Ministerio Fiscal, que quere que se amplíe o informe da autopsia. 

"A xuíza ten dez indicios de que realmente foi este home o que matou a miña filla, quero que o imputen xa, porque isto é un inferno para min e quero que remate canto antes para poder chorar o loito da miña filla".

Nerea Añel, de 26 anos, estivo por última vez con súa nai o Día de Reis de 2020. Nada soubo dela ata que oito meses despois uns sendeiristas atoparon o seu cadáver nun regato dunha aldea abandonada de Barbadás. Segundo a autopsia, presentaba un golpe na cabeza. Fora vista por última vez co seu mozo nun motel próximo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade