'Xogo de Fíos', un exemplo de superación persoal
'Xogo de Fíos', un exemplo de superación persoal
Lorena Quintas Rejo, artesá do fío, emprendeu o seu propio negocio desde a aldea de Outeiro de Laxe, en Allariz
Ten discapacidade visual e de mobilidade, que a obrigan a traballar desde a casa
O taller de Lorena, no comedor da súa casa, é unha explosión de cor. Fíos de todas as tonalidades que ela non pode ver, pero si recordar.
Lorena Quintas Rejo, artesá do fío: "Cando esta árbore está perfilada, a imaxe proxéctase na miña cabeza porque eu, antes, coñecía as cores que tiña. A imaxe queda na miña memoria".
A minuciosidade con que traballa é froito de moitas horas de práctica pero tamén dun talento natural que a fixo pensar nesta afección como un medio de vida.
"Sentirme realizada, con maior autonomía: fun capaz de levar a cabo Xogo de Fíos e de mantelo no tempo", explica Lorena.
Estudou Empresariais pero nunca chegou a exercer. Ás dificultades xerais do mercado laboral sumouse, no seu caso, a discapacidade. Pero lonxe de se render, emprendeu o seu propio camiño.
"Está en pequena escala, pero vou avanzando, realizando paso a paso o que me propuxen", subliña.
Ten o apoio de Laura, a súa asistente persoal.
Laura Valencia, asistente persoal de Lorena: "Para min Lorena é un referente, unha persoa que, a pesar de todas as barreiras, segue adiante. Unha loitadora".
Aínda que tamén vende por internet, a tenda física e o taller están na súa propia casa, polas limitacións que lle impón a discapacidade, así que o reto actual é o de atraer clientes ata a pequena aldea de Outeiro de Laxe, en Allariz.