A radio celebra o seu día mundial arroupada pola confianza da audiencia
A radio celebra o seu día mundial arroupada pola confianza da audiencia
A primeira emisora de Galicia instalouse en San Domingos de Bonaval en 1933
A radio segue a ser un dos medios máis confiables e empregados do mundo
A radio en Galicia naceu en San Domingos de Bonaval. Alí instalouse en xaneiro de 1933 a primeira antena da emisora Unión Radio, popularmente coñecida como Emisora Compostela. A emisión comezaba co repicar das campás da Catedral de Santiago.
O seu primeiro locutor foi o intelectual galeguista Antonio Fraguas, etnógrafo, historiador e promotor do Museo do Pobo Galego. Os impulsores desa primeira emisora viron na radio un medio decisivo para espallar a cultura e a lingua galega.
"Hai unha chea de radios, pero a xente espera xa as cousas galegas e que lle digan en galego moitas cousas, xa non é que veña un antropólogo e que cite dúas ou tres cantigas; é algo máis xeral", dicía Antonio Fraguas nunha entrevista na TVG en 1996.
"Bos días, Galicia, coa interpretación do noso himno acaban de empezar as probas técnicas da Radio Televisión Galicia, a nosa radio". Con ese mesmo obxectivo de axudar á normalizacion do galego, o 24 de febreiro de 1985 comezaba a emitir en probas a Radio Galega.
"A radio por riba de todo é vida". Cando a radio conta algo, o pulso da vida latexa dun xeito moi distinto", comenta Kiko Novoa, xornalista da Radio Galega.
"Segue a ser o medio máis próximo, o medio que ten un contacto mais directo cos seus oíntes", considera Cristina García López, tamén profesional da casa.
Os cambios tecnolóxicos favoreceron un contacto máis estreito coa audiencia e a posta en marcha de novos contidos para novos públicos.
"Agora tes o Twitter, o Instagram, o Tik-Tok, o teléfono de Whatsapp, antes eran os SMS, cada vez hai máis fórmulas para falar co oínte directamente", explica Xoán Galán, xornalista da Radio Galega.
"A Radio Galega creou hai uns meses a web radiogalegapodscast.gal, aínda que xa levabamos moitos anos tendo a programación en formato podcast. Estamos creando novos contidos exclusivos para Internet: programas sobre curiosidades, programas sobre música que non se chegou a escoitar na Radio Galega nunca, programas sobre igualdade, feminismo", explica Cristina García López.
O 13 de febreiro celébrase o Día Mundial da Radio, unha poderosa plataforma, segundo a UNESCO, para o discurso democrático.
"Eu penso que a radio merece un día mundial porque creo que é un medio moi confiable, que axuda a relatar a historia da humanidade e a loitar contra as novas falsas. Cumpre unha función social moi importante", comenta Silvia Pereira, xornalista da Radio Galega.
Máis dun século despois do nacemento da radio, segue a ser un dos medios máis confiables e empregados do mundo, segundo distintos informes internacionais.