Publicador de contidos
Publicador de contidos

16 anos da operación Carioca, que fora naquel momento a maior causa contra o proxenetismo en España

16 anos da operación Carioca, que fora naquel momento a maior causa contra o proxenetismo en España

A investigación abriuse en 2008 tras a denuncia dunha prostituta contra un garda civil

Case 90 imputados e máis de 360 testemuñas para unha causa que escandalizou, sobre todo, pola presunta convivencia da rede criminal con axentes da lei

G24.gal 04/06/2024 14:35 Última actualización 04/06/2024 15:18

2008, unha inmigrante ilegal que traballara como prostituta nun club de Lugo denuncia abusos sexuais por parte dun garda civil. Ábrese a porta neste momento a unha investigación que, tras varios meses de escoitas telefónicas, pescudas e seguimentos, levaría a esta muller, a xuíza Pilar de Lara Cifuentes, a ordenar en 2009 a detención de máis de 20 persoas.

Comeza a destaparse a trama corrupta. En pouco tempo péchanse catro locais de alterne. Dous deles ás aforas da cidade de Lugo, o Queens e o Eros. Este último ardería de xeito intencionado ata en tres ocasións para tratar de eliminar probas.  

Entre os arrestados non só estaban os donos dos prostíbulos, senón tamén un cabo da Garda Civil ou un axente da Policía Local. Eran os primeiros dunha longa listaxe, case 90, que nos anos que durou a operación engrosarían o directorio de imputados: máis axentes da Garda Civil, Policía Nacional e Local, empresarios, médicos ou avogados. O sumario do caso recolle que prestaban axuda aos proxenetas a cambio de favores sexuais, consumicións gratis ou droga.

As irregularidades transcritas van desde o arranxo de papeis ata a paralización de ordes de expulsión. Refire tamén o sumario coaccións, presións e abusos a mulleres, contratos ilegais, indución ao aborto ou mesmo matrimonios de conveniencia. Polo medio, subxace tamén un posible branqueo de capitais e mesmo tráfico de armas. 

16 anos despois, a macrocausa saldouse coa propia xuíza cuestionada, apartada do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo e declaradas sen fundamento as acusacións a decenas de axentes, con case impunes a maioría dos delitos investigados, con previsibles reducións de condena e co líder da trama, José Manuel García Adán, a piques de lograr o terceiro grao. Con todo, a operación Carioca e o paso dos anos desterraron en Lugo o selo de corrupción que os marcou durante moito tempo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade