Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Fiscalía rebaixa en 17 anos a pena de prisión para o principal imputado na peza central da Operación Carioca

A Fiscalía rebaixa en 17 anos a pena de prisión para o principal imputado na peza central da Operación Carioca

O principal acusado, o cabo da Garda Civil Armando Lorenzo, enfrontábase a 21 anos de presidio e agora pídenlle catro anos e tres meses

A macrocausa de proxenetismo e trata de mulleres investigada en Lugo durante 16 anos quedou este mércores vista para sentenza

O cabo da Gardia Civil, Armando Lorenzo, saíndo da Audiencia de Lugo o 4 de xuño de 2024. Carlos Castro - Europa Press O cabo da Gardia Civil, Armando Lorenzo, saíndo da Audiencia de Lugo o 4 de xuño de 2024. Carlos Castro - Europa Press
G24.gal 05/06/2024 19:56

A última peza pendente da Operación Carioca, a macrocausa de proxenetismo e trata de mulleres investigada en Lugo durante 16 anos, quedou este mércores vista para sentenza co anuncio por parte da Fiscalía das novas penas solicitadas para os cinco imputados e a rebaixa de case 17 anos na condena interesada para o principal acusado, o cabo da Garda Civil, Armando Lorenzo, que se enfrontaba a 21 anos de presidio e para o que agora piden catro anos e tres meses.

 Armando Lorenzo era responsable de ofrecer axuda administrativa a mulleres estranxeiras en situación irregular que exercían a prostitución. Pero, segundo o fiscal,  abusaba da súa posición de Garda Civil para solicitar a cambio favores sexuais. Tamén informaba os donos dos bordeis implicados de inspeccións policiais nos seus locais recibindo por iso contraprestacións económicas. En total, está acusado de oito delitos.

Ao máis grave, unha agresión sexual a unha prostituta pola que a Fiscalía solicitaba xa 11 anos de cárcere, sumábanse as acusacións por delitos de solicitude sexual por funcionario público, abuso sexual, suborno, revelación de segredos, omisión do deber de perseguir delitos, favorecemento da prostitución e extorsión en grao de tentativa.

As dilacións indebidas do proceso, consideradas moi cualificadas, e a atenuante de reparación do dano, motivaron a drástica rebaixa da súa pena, fixada finalmente nunha petición de catro anos e tres meses de cárcere, aínda que o seu delicado estado de saúde evitará o seu ingreso en prisión.

Para os outros tres procesados que na xornada do martes alcanzaran acordos de conformidade coa Fiscalía --os proxenetas José Manuel García Adán (xefe da trama e dono dos clubs de alterne Queens e O Outeiro); Marcos Grandío (dono do club Eros); e Jesús Varela (propietario da Eclipse, en Ribadeo)-- a representante do Ministerio Público pediu penas de multa de entre 1000 e 2000 euros. Todos eles estaban acusados dun delito de suborno pasivo.

Para o último dos imputados, o brigada da Garda Civil, Julio Baquero, a Fiscalía solicitou unha pena de nove meses de prisión (enfrontábase a 19) como presunto autor dun delito de solicitude sexual por funcionario público e outro delito de omisión do deber de perseguir delitos.

"Non teño nada que ver coa Carioca"

A pesar de que a segunda e última xornada do xuízo da peza central da Carioca estivo centrada en dirimir a responsabilidade penal de Julio Baquero, imputado na macrocausa desde hai 14 anos, o feito que concentraba máis expectación era o anuncio da modificación das penas solicitadas para os cinco procesados, que a Fiscalía deixara pendente ao termo da sesión do martes.

Houbo que esperar, con todo, oito horas e tres recesos, para que pasadas as 18:00 horas a representante do Ministerio Fiscal dese a coñecer en detalle as novas penas previstas para os procesados.

Antes do primeiro receso da xornada previo ao capítulo de conclusións tivo lugar o interrogatorio do propio acusado, que asegurou non acudir "só" a ningún club de alterne da provincia de Lugo e negou calquera tipo de implicación na causa.

"Eu non teño nin nunca tiven nada que ver coa Carioca nin cos clubs de alterne. Facer un comentario criticando á xuíza instrutora foi a miña sentenza", proclamou.

Representantes da plataforma cidadá contra a impunidade do Caso Carioca estiveron presentes na sala durante a segunda xornada do xuízo e cualificaron como "moi decepcionantes" as penas solicitadas polo Ministerio Fiscal.

"As persoas que cometeron delitos tan graves deberían ter outro castigo. Esperamos que isto non volva suceder e podamos vivir nunha cidade onde a Fiscalía si que fai o seu traballo, que é perseguir o delito e protexer as vítimas", manifestaron.

Cando a sentenza desta última peza da Operación Carioca sexa firme, a xustiza daría carpetazo a unha investigación que sacudiu os cimentos da cidade amurallada durante 15 anos, cinco meses e dous días, e con ela a un proceso fragmentado en múltiples pezas con 270 tomos de sumario, polo menos 400 vítimas e preto dun centenar de imputados iniciada pola xuíza Pilar De Lara no ano 2008.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade