Publicador de contidos
Publicador de contidos

Condenan a case seis anos de cárcere o principal acusado na operación Carioca

Condenan a case seis anos de cárcere o principal acusado na operación Carioca

A sentenza inhabilítao para o exercicio de emprego ou cargo público durante cinco anos e once meses

O tribunal sostén que chegou a agredir sexualmente unha das vítimas

Imaxe de arquivo Imaxe de arquivo
G24.gal 17/07/2024 15:29

A Audiencia Provincial de Lugo condenou a cinco anos e nove meses de cárcere o principal acusado na peza central da operación Carioca, un exgarda civil que exerceu entre 2005 e 2009 como cabo no Equipo de Muller-Menor.

Tamén terá que pagar unha multa de 7.408 euros.

Ademais, a sentenza inhabilítao para o exercicio de emprego ou cargo público durante cinco anos e once meses.

O tribunal considerouno autor dun delito continuado de suborno, un delito de agresión sexual, un delito continuado de suborno propio activo e un delito continuado de revelación de segredos.

Tamén o xulga culpable dun delito continuado de omisión de perseguir delitos, en concurso con tres delitos de favorecer a prostitución, e dun delito de extorsión, concorrendo as circunstancias atenuantes de dilacións indebidas e de reparación do dano.

A Audiencia, en función do acordo de conformidade que o acusado alcanzou con Fiscalía, absolveuno do delito de omisión de perseguir delitos en relación cun matrimonio.

O tribunal relata na sentenza divulgada este mércores polo TSXG que o procesado “participaba en inspeccións periódicas e controis en clubs de alterne ou establecementos análogos da provincia de Lugo”, durante as cales estaba obrigado a examinar a documentación do persoal, para comprobar se estaba de acordo co disposto na normativa que regula a estancia legal de persoal estranxeiro en España.

A sala subliña que, no caso de que houbese persoas en situación irregular, “estaba obrigado a transmitir a devandita información á Brigada Provincial de Estranxeiría da Policía Nacional”.

Os maxistrados aseguran que, no exercicio destas atribucións, o condenado, “con ánimo de satisfacer os seus instintos sexuais e abusando da súa condición de garda civil”, estableceu relación con mulleres estranxeiras que se achaban en situación irregular en España.

A cambio, ofrecíalles “a súa axuda en diferentes ámbitos e, especialmente, para a regularización da súa situación irregular en España ou silenciar ou alterar os datos que poderían determinar a apertura dun expediente de expulsión”. O tribunal sostén que chegou a agredir sexualmente unha das vítimas.

A Audiencia Provincial, ademais, condenou a multas de entre 1.00 e 2.000 euros os outros tres procesados, donos de clubs de alterne, como autores dun delito de suborno pasivo.

Segundo a sentenza, os donos e encargados dos clubs desenvolveron unha estratexia dirixida a beneficiar economicamente o principal acusado mediante pagos directos e con outros beneficios, tales como servizos de bar”

Pretendían así “evitar o prexuízo derivado dos controis e inspeccións policiais de estranxeiría, que provocaban perdas económicas, deterioración da imaxe do club, repercusión na clientela e interrupción na actividade do club con detencións de mulleres que, nalgúns casos, eran expulsadas debido á súa situación irregular”.

A Audiencia Provincial absolveu outro acusado, un subtenente da Garda Civil que se negou a chegar a un acordo coa Fiscalía e foi xulgado por un delito de omisión de perseguir delitos en relación cun matrimonio, así como do delito de solicitude de favores sexuais, en concurso cun delito de abuso sexual. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade