200 nenos de Sada celebran o Día da Educación Física na rúa
200 nenos de Sada celebran o Día da Educación Física na rúa
O obxectivo é visibilizar a importancia da educación física, tamén para mellorar o benestar emocional
Xogos populares, danza, atletismo, taekwondo... a décimo cuarta edición do Día da Educación Física na rúa congregou no paseo marítimo de Sada 200 nenos practicando todo tipo de actividades físicas. Este ano baixo o lema "Educación física e saúde mental".
Andrés Saavedra, director do CEIP Sada e os seus contornos, di que o obxectivo é poñer en valor a actividade física, non só dentro dos centros educativos. Tamén destacou que este ano o lema fai referencia á saúde mental pola importancia que o deporte ten no benestar emocional e nas enfermidades psicolóxicas, tal e como nos demostro a pandemia.
Os rapaces gozaron dun día distinto marcado pola diversión e polo descubrimento de xogos populares que os manteñen activos. Pero tamén tiveron a oportunidade de coñecer novos deportes da man das escolas deportivas da vila.
Pero en educación física non todo é xogar e facer deporte, tamén adquiren hábitos de vida saudables tal e como nos explicaron os nenos.
Máis de 150.000 alumnos de 800 centros escolares de toda España sumáronse a esta iniciativa, que busca visibilizar o que fan os alumnos da nova educación física e para fomentar o deporte. Tamén reivindican un incremento das horas semanais que se dedican a esta materia no actual sistema educativo, tal e como recomenda a Organización Mundial da Saúde.