A DXT obrigará os motoristas a usar un casco integral e luvas homologadas na estrada
A DXT obrigará os motoristas a usar un casco integral e luvas homologadas na estrada
Os falecementos de motoristas en accidentes aumentaron un 10 %
Tráfico establecerá cursos para conducir motos de ata 125 cc e un perfil específico nos cursos de recuperación de puntos
Galicia pechou 2023 cun total de 88 mortos en accidente de tráfico, dous menos ca o ano pasado
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) obrigará en 2024 os motoristas a utilizar un casco integral ou modular e unhas luvas homologadas cando circulen por estrada.
Así o anunciou este xoves o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, durante a presentación do balance de sinistralidade viaria do ano 2023 na sede da Dirección Xeral de Tráfico, na que puxo o foco nas mortes de motoristas, que aumentaron un 10 % con respecto ao ano 2022.
En concreto, en 2023 faleceron un total de 463 motoristas nas estradas españolas, a cifra máis alta rexistrada desde o ano 2014.
Tráfico establecerá cursos para conducir motos de ata 125 cc e un perfil específico nos cursos de recuperación de puntos
Para reducir estas cifras de sinistralidade, a DXT establecerá un curso obrigatorio para os condutores do permiso B con tres anos de antigüidade que queiran conducir motos de ata 125 centímetros cúbicos.
Así mesmo, actualizará o contido dos cursos de recuperación de puntos para incorporar un perfil específico para os motoristas que perderon o seu saldo de puntos e para os que se programarán cursos de condución segura e eficiente.
Galicia pechou 2023 cun total de 88 mortos en accidente de tráfico, dous menos ca o ano pasado
A pesar dos datos dos motoristas, o ano 2023 concluíu con 1.145 mortos en accidentes de tráfico, co que practicamente se mantén estable a mortaldade nas estradas (tres vítimas mortais menos que en 2022), nun ano en que aumentaron un 2 % os desprazamentos de longo percorrido.
En Galicia o balance é semellante, cun total de 88 falecementos en sinistros, dous menos ca os 90 do ano pasado, pero por riba das cifras de 2020 e 2021.
O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, deu conta este xoves destes datos na conferencia de prensa sobre o balance provisional de accidentalidade viaria do ano que acaba de terminar e que contabiliza as vítimas rexistradas nas 24 horas seguintes aos sinistros.
En total, rexistráronse 1.048 sinistros mortais en que faleceron 1.145 persoas e outras 4.495 resultaron feridas graves.
A saída da vía segue sendo o tipo de sinistro que máis falecidos rexistra con 486 persoas, o 42 % do total de vítimas mortais.