Publicador de contidos
Publicador de contidos

O primeiro encontro de construción de instumentos reúne 26 luthiers en Santiago

O primeiro encontro de construción de instumentos reúne 26 luthiers en Santiago

Acaba de constituírse "Labra", a Asociación Profesional Galega de Construción de Instrumentos Musicais

O obxectivo da entidade é fomentar un sector que ten unha gran proxección exterior pero carece de formación regrada

G24.gal 21/05/2023 18:32 Última actualización 21/05/2023 20:05

César Arias é luthier, especialista en instrumentos pulsados de música antiga. O que ten na man, reconstruído por el, é un "chitarrone" baseado nun orixinal fabricado en Venecia no século XVII.

“Cando teño un orixinal, intento partir dun orixinal fiable, que non tivera moitas transformacións, que haxa un plano ou a posibilidade de visitalo. Cando non teño información, pois teño que acudir á iconografía, a representacións pictóricas ou escultóricas dese tipo de instrumentos”, explica o luthier César Arias

Francisco Luengo, ademais de músico, é un pioneiro na reconstrución de instrumentos medievais. Esta fin de semana participaron en Santiago no primeiro encontro de luthiers, un oficio que, segundo din, está a vivir un momento de auxe en Galicia

"A construción era moita, pero estaba sobre todo no ámbito da música tradicional, e agora ampliouse moitísimo, con todo tipo de instrumentos que se están a vender por todo o mundo. Hai agora mesmo construtores de violíns a un nivel fantástico, construtores de instrumentos pulsados tanto da música moderna como da antiga, guitarras, tiorbas, ou violas de gamba, como é o meu caso”, explica.

Francisco foi un dos luthiers que participou a comezos dos 90 na reconstrución dos instrumentos do Pórtico da Gloria. Unha iniciativa que recuperou a tradición medieval de fabricación de instrumentos e que resultou fundamental para a formación de novos luthiers en Galicia.

“Realmente este influxo medieval, do século XII, que foi o gran momento de Galicia, ten eco aínda na nosa vida, na influencia que tivo en todos aqueles que eran estudantes naquel momento e que participaron como axudantes no proxecto. Tivo unha influencia na súa vida que levou a moitos deles a ser profesionais hoxe en día”, engade.

Suso Gestal fabrica instrumentos de vento, sobre todo gaitas e frautas. A través da Asociación Profesional de Luthiers de Galicia pretenden colaborar para potenciar un sector que carece de formación regrada.

“É un gremio que necesita moita cohesión, estamos todos afeitos a traballar en soidade nos obradoiros, e son moi interesantes eventos coma este, onde temos unha opción de venda ao público e ademais temos formación, que é algo que necesitamos", asegura Suso Gestal.

O encontro non foi só de luthiers. Tamén houbo músicos que se achegaron ata aquí para probar os seus instrumentos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade