Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comeza este luns a campaña contra a gripe e a covid nas residencias de maiores

Comeza este luns a campaña contra a gripe e a covid nas residencias de maiores

A directora xeral de Saúde Pública prevé que o 16 de outubro remate este proceso de inmunización e comece o dos maiores de 80 anos en centros de saúde

Carme Durán destaca que coa vacinación fronte ao VRS dos neonatos, Galicia ten o calendario de vacinación máis completo do mundo

G24.gal 23/09/2023 10:56 Última actualización 23/09/2023 17:50

O Sergas cifra en 30.000 as persoas das residencias e centros de atención á discapacidade que serán vacinadas fronte á gripe e a covid a partir deste luns 25 de setembro.

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, aseguraba que o proceso de inmunización deste colectivo está previsto que remate o 16 de outubro para que a partir desa data se inicie o dos maiores de 80 anos nos centros de saúde. Logo procederase a citar as persoas menores de 79 anos nos recintos de vacinación masiva, os coñecidos como vacinódromos

"Comezamos o luns nas residencias de anciáns e centros de discapacidade para posteriormente iniciar arredor do 16 de outubro a campaña de vacinación de gripe e mais covid nas persoas de 80 e máis anos. Esta vacinación de persoas de máis de 80 anos será nos centros de atención primaria de cabeceira e xa posteriormente comezariamos nos grandes recintos". 

Segundo Durán, o obxectivo de vacinación difire en función dos grupos aos que se dirixe e o virus fronte ao que se pretende inmunizar.

"Queremos superar ese 75 % en persoas de 60 ou máis anos (na gripe), chegar á cobertura en mulleres embarazadas de máis do 60 % e nos nenos superar ese 60 % En canto á covid, intentar vacinar a toda a poboación de risco e chegar coma o ano pasado a un 90 % de cobertura", dixo.

Vacinación contra o virus sincitial

A partir deste luns tamén se iniciará a vacinación contra o virus respiratorio sincitial dos nenos e nenas acabados de nacer en Galicia. Segundo explicou, a idea é administrar a dose nas primeiras 24-48 horas de vida.

Sanidade citará tamén entre os días 2 e 15 de outubro aqueles cativos nados desde o 1 de abril de 2023 e tamén prematuros (nados dende o 1 de outubro de 2021), e os nenos e nenas de alto risco (cardiopatías, displasia broncopulmonar, etc.) con menos de 24 meses. 

Coa incorporación desta vacina, Durán asegura que Galicia se converte na comunidade co calendario "máis completo do mundo", segundo os científicos. 

"Galicia nestes momentos, e non o digo eu, díxoo toda a comunidade científica, é a comunidade que ten o calendario de vacinación máis completo do mundo. Non só introducimos este tipo de anticorpo monoclonal para o  virus respiratorio sincitial, senón que tamén introducimos no calendario o rotavirus para nenos. Tamén somos os primeiros en introducir a da meninxite tetravalente nas idades que corresponde".  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade