Ensaian na área de Santiago a convocatoria por SMS para vacinar nenos e nenas da gripe
Ensaian na área de Santiago a convocatoria por SMS para vacinar nenos e nenas da gripe
3.200 menores de Santiago e a súa contorna poderán vacinarse esta fin de semana no CHUS
Sanidade vacinou polo momento 20.000 menores de cinco anos, o 27 % da poboación diana
Uns 3.200 menores de Santiago e a contorna serán citados para vacinarse contra a gripe esta fin de semana no Hospital Clínico. A campaña continúa con normalidade nos centros de saúde, pero con esta proba piloto o que se busca é acelerar a cobertura ofrecendo un horario máis cómodo e flexible para os pais, o sábado pola tarde e o domingo pola mañá.
"Os pais recibirán unha SMS, chegará a un grupo de familias da área de Santiago para convidalos a vacinar de xeito voluntario os nenos esta fin de semana no CHUS, que é o recinto masivo elixido", explica o Conselleiro de Sanidade, Xulio García Comesaña.
No que vai de campaña vacináronse máis de 20.000 rapaces de entre seis meses e cincos anos, un 27 % da poboación diana. O obxectivo é seguir avanzando na inmunización o antes posible, para protexer os pequenos de posibles complicacións hospitalarias e para conter a transmisión aos maiores.
"Canto antes vacinamos os nenos, antes obtemos eses beneficios e podemos diminuír o impacto que vai ter a gripe en xeral na poboación nun ano particularmente difícil no que conviven a gripe, a COVID e o virus respiratorio sincitial", di Federico Martinón, Xefe de Pediatría do CHUS.
Se a actuación piloto de Santiago ten boa acollida, estenderase ao resto de áreas sanitarias de Galicia. Calcúlase que o pico da gripe chegue a finais de mes e vacinar os nenos, dixeron, é poñer un cortalumes para evitar o contaxio entre a poboación adulta.