Xestionarán o certificado dixital sen saír dos concellos de menos de 8.000 habitantes
Xestionarán o certificado dixital sen saír dos concellos de menos de 8.000 habitantes
O delegado do Goberno presentou en Guitiriz un proxecto do Ministerio de Política Territorial para facilitarlles os trámites coa administración aos veciños do rural. do que se beneficiarán 640.000 galegos
O delegado do Goberno presentou en Guitiriz o programa do Ministerio de Política Territorial A administración cerca de ti.
O obxectivo é que os veciños de núcleos de poboación de entre 500 e 8.000 habitantes obteñan o certificado dixital sen moverse dos seus concellos e, así, poder realizar trámites administrativos sen ter que desprazarse ata a capital da provincia. Máis de 640.000 galegos de 240 concellos poderanse beneficiar desta iniciativa.
Foron moitos os veciños de Guitiriz que non perderon a oportunidade de tramitar o certificado dixital sen ter que saír do seu concello. "Aforras de ir a Vilalba ou Lugo, porque tes que certificar a fe de vida coa túa presenza. Veñen eles aquí e co carné xa non tes que ir a ningún lado", di un veciño.
Os concellos solicitarán o servizo e informarán os veciños do día e horas nos que terán á súa disposición os funcionarios. "Para o rural isto é extraordinario", comenta outra veciña.
O certificado dixital permite realizar infinidade de trámites coa Administración sen saír da casa: "Se a Administración vén a ti, todo é máis fácil". E evita moitos desprazamentos: "Permíteche facer 50.000 cousas sen necesidade de ir a ningún lado".
Tramitan o certificado dixital e poden resolver dúbidas cos funcionarios. Dúbidas que tamén se poderán resolver a través dos programas de dixitalización dos concellos. "Isto é vital", di Marisol Morandeira, alcaldesa de Guitiriz.
O obxectivo é combater a brecha dixital e garantir a igualdade de oportunidades entre os habitantes dos concellos rurais e as cidades.