O Seprona volve ao Furelos para proseguir as pescudas sobre a causa da morte de troitas
O Seprona volve ao Furelos para proseguir as pescudas sobre a causa da morte de troitas
Á espera das análises de Medio Ambiente, todo apunta ás tarefas de acondicionamento da piscina pública como posible orixe da vertedura contaminante
A patrulla do Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil volveu a mañá deste mércores inspeccionar as augas do río Furelos nas inmediacións da área recreativa municipal de Melide.
E é que o sábado á tarde apareceron troitas e bogas mortas na canle fluvial próxima á piscina, onde hoxe seguían cos traballos de acondicionamento para a apertura ao público nos próximos días.
A Asociación de Troiteiros melidense foi quen denunciou e documentou fotograficamente o episodio de mortaldade, polo que presentou tamén denuncia no xulgado de Arzúa.
Sospeitan que a causa da mortaldade está nalgunha vertedura contaminante vencellada cos traballos na piscina.
A canle onde tivo lugar desvía auga do Furelos. A ela chega unha tubaxe que sae da instalación municipal e río arriba a vida ictiolóxica non rexistrou anomalía ningunha. Os gardas do Seprona efectuaron novas pesquisas nas tubaxes de evacuación e demais equipamento da piscina pública.
Axentes ambientais da Xunta tamén recolleron o sábado mostras da auga para realizar as análises que permitan determinar a causa da vertedura letal. Segundo a Asociación de Troiteiros, afectou unhas cincuenta troitas de entre 5 e 39 centímetros e 12 bogas.
Esta mañá tamén se desprazou á praia fluvial unha integrante do Goberno municipal de Melide. Rexeitou falar sobre esta desfeita ambiental.