A acuicultura galega vai máis alá do mexillón e exporta o 65 % da súa produción
A acuicultura galega vai máis alá do mexillón e exporta o 65 % da súa produción
Galicia é xa líder en peixes planos, como o rodaballo e o linguado
Galicia consolídase como potencia acuícola a nivel mundial. Esta industria exporta máis do 65 por cento da súa produción. O mexillón é o produto estrela, pero a comunidade xa está á cabeza en peixes planos, como o rodaballo e o linguado.
Con máis de tres mil bateas repartidas polas rías, o mexillón galego representa o 95 por cento de toda a produción de España. Pero non é a única especie que sitúa Galicia como líder da acuicultura.
As granxas galegas xa producen 9.000 toneladas anuais de rodaballo. "Principalmente véndese en Italia, Francia, España, pero vai a máis de corenta países", di Jacobo Fernández, investigador do ForoAcui.
O linguado escala posicións e nos últimos anos as granxas galegas experimentaron un salto exponencial e a produción xa supera as mil toneladas. "Galicia é a zona máis adecuada, pola orografía, para poder bombear, e polas condicions oceanográficas, principalmente de temperatura e por ser augas non contaminadas", din desde o ForoAcui.
Galicia ten as condicións idóneas para a cría de peixe, demóstrao a súa posición no mercado cunha facturación de 256 millóns de euros no 2022 e unha previsión de superar esta cifra ao remate do ano.