A acusación pide a "inmediata" entrada en prisión de Santi Mina por "risco de fuga"
A acusación pide a "inmediata" entrada en prisión de Santi Mina por "risco de fuga"
O avogado da vítima alude á "procura activa de traballo fóra do país" por parte do exxogador do Celta e á súa fichaxe frustrada pola Sampdoria italiana
A acusación particular solicitou ao Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía (TSJA) a "inmediata" entrada en prisión ou, de forma subsidiaria, a retirada cautelar do pasaporte para o futbolista Santi Mina.
Considera que a súa "procura activa de traballo fóra do país" aumenta "de maneira exponencial o risco de fuga" de cara ao cumprimento da pena de catro anos de prisión á que está condenado por abuso sexual.
O escrito, elevado ao TSJA polo avogado da vítima o pasado día 7, traslada que existe constancia de que "o condenado pretendeu novamente marchar do país con aparentes motivos laborais", pero "sen informar o tribunal en ningún momento" e "tendo noticias deles única e exclusivamente polos medios de prensa".
Engade que, a pesar de "reiterar a defensa a suposta plena disposición á xustiza" por parte do futbolista, tentou, "como xa fixo o ano pasado co seu desprazamento ata Arabia Saudita" para xogar cedido no equipo Al Shabab, "formalizar contrato de traballo no estranxeiro" e afea que, "coma sempre", omitise calquera información respecto diso.