O destino da acusada de matar o home con fármacos en Monfero, en mans do xurado
O destino da acusada de matar o home con fármacos en Monfero, en mans do xurado
As partes elevaron a definitivas as súas peticións iniciais e o luns comezará a deliberar o tribunal popular
A acusada fixo uso da última palabra para dicir, unha vez máis, que fora un suicidio pactado
"Eu non matei o meu home. Fomos os dous os que quixemos irnos. Adorabámonos", insistiu a acusada ao acollerse ao seu dereito a dicir a súa última palabra.
Deste xeito remataba o xuízo polo crime de Monfero. Previamente as partes expuxeron as súas conclusións finais. A fiscalía teno claro. Considera que existen probas directas e indiciarias que conducen á culpabilidade da investigada.
"Decidiu dar morte ao seu home de xeito unilateral, sen vontade ningunha por parte de Carlos", manifesta o fiscal.
O Ministerio Público considera que Josefa cometeu o asasinato porque existe tamén falta de credibilidade no seu relato. "Se analizan as probas, verán que algo non casa", engade o fiscal.
Pide para a acusada 26 anos e cadea por un delito de asasinato. Porén ofreceulles aos membros do xurado a alternativa de cooperación ao suicidio. A defensa segue solicitando a libre absolución.
"Non está acreditado o feito físico de que Josefa lle dese as pastillas a Carlos. E no caso de que fose así, iso non entraría no acto causante da morte", explica o avogado da defensa.
O próximo luns, o tribunal do xurado recibirá o obxecto do veredicto para retirarse a deliberar ata que obteñan o seu ditame.