Publicador de contidos
Publicador de contidos

A adega Terras Gauda transforma o bagazo en fertilizante con axuda de miñocas

A adega Terras Gauda transforma o bagazo en fertilizante con axuda de miñocas

Instalou un vermireactor na adega para obter hummus e aplicalo nos viñedos

En dez anos de investigación coa Universidade de Vigo comprobaron que rexenera o chan e mellora a saúde das plantas

 

 

 

G24.gal 20/09/2022 13:47

Nunha adega do Rosal xéranse 300 toneladas de bagazo despois de cada vendima. Unha pequena parte destínase a augardente, e o resto pasa a un vermireactor, onde as miñocas o transforman en biofertilizante.

"As miñocas aliméntanse fundamentalmente dos fungos e bacterias que descompoñen o bagaño de uva. Despois as dexeccións que expulsan, o humus resultante, ten cen ou duascentas veces máis diversidade microbiana pola acción do seu intestino", explica Jorge Domínguez, catedrático de Zooloxía da Universidade de Vigo que dirixiu a investigación.

O humus resultante despois da dixestión das miñocas aplícase na viña en forma sólida ou líquida. Despois dunha década de investigación, teñen comprobado efectos moi beneficiosos, tanto no terreo como nas plantas.

"Vese que o material ten un efecto moi positivo no chan e repercute tamén na saúde e defensa da planta, resiste mellor pragas e enfermidades", engade o investigador.

Así a adega nutre de xeito natural as viñas, aforra cartos en fertilizantes minerais e recicla un subproduto da vendima.

"O proceso ten custos enerxéticos moi baixos, entón estamos poñendo en valor o bagazo que nos sobra e facendo unha pura economía circular nos viñedos", di Emilio Rodríguez Canas, director enolóxico de Adegas Terras Gauda.

Circular porque o que foi da terra regresa á terra, mediante unha tecnoloxía limpa e ancestral, a que agochan as miñocas no seu intestino. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade