Declarada a emerxencia sanitaria na Coruña pola folga do lixo
Declarada a emerxencia sanitaria na Coruña pola folga do lixo
A alcaldesa fixo a declaración para garantir a limpeza da cidade
O lixo leva acumúlandose seis días nas rúas
Colectores a rebordar e toneladas de lixo e refugallos polas rúas. Ante esta situación, a alcaldesa da Coruña decidiu declarar a situación de emerxencia sanitaria na cidade: "Acabo de declarar a emerxencia sanitaria na cidade que permite acceder á contratación de emerxencia para completar os servizos de recollida de lixo e de limpeza viaria e garantir a saúde pública e a salubridade".
Seis días leva acumulándose o lixo nas rúas xerando malestar entre os cidadáns. Uns din que temen "que a comida que hai fóra dos colectores comece a atraer aos roedores". Outros quéixanse dos malos cheiros que deixa o lixo despois de levar varios días estrado polas rúas. E hai quen pide que "quen se teña que sentar nunha mesa para procurar unha solución que o faga".
O conflito xorde en plena negociación da empresa concesionaria PreZero co comité de empresa cando máis de 20 camións apareceron a semana pasada coas rodas picadas e os cristais rotos. Uns actos vandálicos que motivaron a apertura dunha investigación interna por parte da empresa e que foron condenados e rexeitados polos representantes das persoas traballadoras.
Miguel Ángel Sánchez, secretario xeral do Sindicato dos Traballadores de Limpeza, explica que os traballadores están a colaborar na investigación achegando testemuños sobre "como e cando ocorreron eses incidentes para botar toda a claridade que se poida nestes asuntos".
Os sindicatos denuncian incumprimentos da empresa en materia de riscos laborais e igualdade retributiva. Pola súa banda, o Concello xa anunciou o inicio de procedementos sancionadores contra as empresas adxudicatarias por incumprimento de contrato.